Ana Pontón acusa ao PP de actuar “sen principios éticos” coa moción de censura en Lugo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou duramente contra o Partido Popular pola moción de censura que se votará este xoves no Concello de Lugo, asegurando que a situación evidencia “a cara real do Partido Popular, un partido que dirixe Rueda e que está disposto a todo con tal de facerse co poder sen importarlle as consecuencias e sen ningún principio ético”.
Nas súas declaracións, Pontón advertiu de que o que se verá na sesión plenaria é como o PP “cre que pode pasar por diante da cidadanía comprando a unha tránsfuga con pactos escuros e sen importarlle a opinión da xente”. Fronte a esta situación, asegurou que o BNG responderá “desde a defensa da democracia, desde o respecto e desde o compromiso con Lugo”.
A líder nacionalista cualificou a iniciativa como “unha moción de censura infame” e criticou que o Partido Popular “non dubide en valerse mesmo da morte de tres concelleiros e concelleiras no Concello de Lugo para facerse co poder”. Neste sentido, subliñou que “en política non vale todo” e mostrouse convencida de que a cidadanía “responderá nas urnas cando teña oportunidade”.
Pontón tamén expresou a súa preocupación ante un posible goberno popular, cuestionando “como vai exercer o poder sen límites” e cal será a súa actitude dentro do Concello. “Está claro que é un partido ao que non lle importa a democracia nin o que opine a cidadanía, porque demostra desprezo polo voto emitido”, afirmou.
Por último, amosouse convencida de que a situación terá un percorrido limitado no tempo e apuntou que “este goberno non durará máis dun ano”, ao considerar que os veciños de Lugo “volverán situar ao Partido Popular na oposición cando poidan votar de novo”.