Ana Pontón chama a Galicia a votar polo BNG e "defender unha vida digna"

Carme da Silva: "Galiza precisa máis peso político en Madrid da man do BNG"
Ana-Pontón-Consello-Nacional-BNG-26
26 Oct 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación das e do e das cabezas de listas do BNG ás eleccións xerais do 29N, cita coas urnas na que apelou a concentrar o voto galego no Bloque para que Galiza conte e para defender unha vida digna.

Pontón trasladou tres mensaxes claras de cara ao 29N. A primeira é que nestas eleccións Galiza xógase o seu peso político en Madrid. “Xogámonos que Galiza estea con forza, con capacidade para decidir sobre aqueles asuntos que afectan á vida da deste País e, para que Galiza conte, ten que estar o BNG”, recalcou, xunto ao e ás catro cabezas de lista ao Congreso, Néstor Rego (pola Coruña), Carme da Silva (por Pontevedra), Noa Presas (por Ourense) e Olalla Rodil (por Lugo).

A líder nacionalista recordou que só cun deputado e cunha senadora, o Bloque conseguiu avances que melloran a vida dos galegos e das galegas, avances como os descontos na AP-9 -para a que acadou tamén a súa transferencia-, melloras nas pensións ou no financiamento da dependencia e unha quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública do País.

“As nosas vidas tamén dependen das decisións que se toman en Madrid e, ou estamos aí con forza para defender os nosos intereses, ou o que vemos é como as forzas estatais sempre seguen ao pé da letra ese guión de discriminación e agravio co noso País”, recalcou, para apuntar a continuación que aínda “quedan moitos agravios que cambiar”.

Neste sentido, explicou que o BNG quere estar en Madrid con máis forza para dicir que “xa está ben de espolio enerxético” e que a riqueza enerxética dos e das galegas ten que servir para baixar a factura da luz á xente que o está pasando “moi mal” e para desenvolver o País, fronte a un PP que “está traballando para as grandes empresas” que espolian os seus recursos.

En segundo lugar, Pontón subliñou que o Bloque é garantía de avance en dereitos e liberdades, fronte a un bipartidismo que “di unha cousa en campaña e logo fai outra cando goberna” e ante a decepción na lexislatura que acaba de rematar polas “políticas mornas” dun goberno socialista que quere tapar anos de inacción onde non se tomaron as medidas valentes e necesarias para mellorar realmente a vida da xente.

“Políticas valentes para frear o deterioro dos servizos públicos, para garantir o dereito de acceso á vivenda ou para acabar coa precariedade que non só afecta á mocidade, senón a miles de traballadores e traballadoras que traballan duro, pero ás que, sen embargo, os seus salarios non lles dan para chegar a fin de mes”, reprobou, para recordar a continuación que a lexislatura remata sen derrogar integramente a contrarreforma laboral do PP ou sen ter unha lexislación en materia de vivenda para evitar desafiuzamentos como os de Maricarmen, “cando hai moitas máis Maricarmens no País”.

“Por iso, estou convencida de que nas próximas eleccións xerais o BNG vai ter unha gran resultado, porque hai unha maioría social en Galiza que sabe que somos unha forza política diferente, que practica a política que importa, que dá solucións e alternativas para a xente e que ten un plus que ninguén máis fai, que é defender a Galiza, darlle peso a este País e evitar que poidamos quedar atrás nun momento no que necesitamos avanzar”, proclamou.

A portavoz nacional sinalou neste punto que as voces de Néstor Rego, Carme da Silva, Olla Rodil e Noa Presas “serán decisivas para que Galiza conte” e para poder avanzar “en dereitos e liberdades”, como o dereito á vivenda ou os dereitos laborais que agora mesmo son “papel mollado”.

A líder nacionalista criticou nesta liña que cando hai milleiros de persoas que non poden chegar a fin de mes, xente maior sen atender nas súas casas ou servizos públicos nun momento crítico, o que se necesitan son políticas sociais e non políticas militaristas. “Se se continúan drenando millóns e millóns de euros en armas, tanques e mísiles, o que se lle vai é a quitar ás pensións, á sanidade ou ás políticas de vivenda”, reprochou a un goberno socialista que “foi un abandeirado do gasto militar, incrementándoo dunha maneira “absolutamente descomunal”.

Neste contexto, Pontón lanzou por último unha terceira mensaxe: “Concentrar todo o voto galego no BNG”, para o que apelou a toda a xente que “leva Galiza na cabeza e no corazón”, que quere que o País teña peso e sexa respectado e que comparte o dereito a ter unha vida mellor.

“Temos que concentrar no BNG o voto de todas esas persoas que están fartas de ver como as forzas estatais prometen unha cousa e fan a contraria, á xente que quere vivenda, que quere servizos públicos de calidade e que quere ter unha vida digna”, remarcou.

Por iso, avanzou, o Bloque vai ir “a por todas” o 29 de novembro cunhas candidaturas que reflicten a Galiza que defende os seus dereitos. “Este 29N facemos un chamamento a concentrar no BNG todo ese voto galego, todo ese voto de orgullo de País e todo ese voto que quere avanzar en igualdade, en dereitos e en dignidade”, concluíu.

O BNG cumpre con Galiza

Pola súa parte, Néstor Rego deixou claro que o BNG cumpre e que “esa é a mellor garantía para presentarmos a unhas eleccións”. Un cumprimento coa Galiza que contrastou coa falta de iniciativas na defensa dos intereses galegos dos deputados e deputadas das outras forzas políticas, ás que reprochou que prometan en campaña e “se esquezan da Galiza cando pasan O Padornelo”.

“Coa tranquilidade de termos cumprido podemos dirixirnos ao pobo galego para pedirlle máis confianza no BNG, que dea máis forza ao BNG porque é dar máis forza a Galiza”, remarcou logo de contextualizar o valor do Bloque nun “complexo e decisivo momento no que o BNG é a forza que lidera a defensa do noso País”.

A forza que lidera políticas de esquerda e tamén a forza que lidera o antifascismo na Galiza”, dixo para apelar tamén a dar máis forza ao Bloque porque “hai moito en xogo” e “imos frear o bloco reaccionario encabezado polo PP que pretende unha involución da man da ultra dereita”.

No día no que amencemos co triunfo de Lula no Brasil, o candidato pola Coruña subliñou que “temos un exemplo magnífico que nos inspira: a mirada histórica da esquerda soberanista brasileira. Lula é a esperanza do Brasil popular e soberano como é o BNG para Galiza. Venceu e nos tamén venceremo”, aseverou. Por iso, demandou “transformar esa esperanza en forza colectiva, na forza inmensa dun pobo galego en marcha polo seu futuro”.

"Galiza precisa máis peso político en Madrid da man do BNG", sostivo pola súa banda Carme da Silva, quen subliñou que o BNG sae este 29N “a por todas e sen límites” para construír un futuro mellor para os galegos e as galegas poñendo na axenda estatal non só os problemas do País, senón tamén as solucións a eses problemas.

Problemas como o da vivenda, afondou, que afectan á maioría social e especialmente á mocidade e aos que non da resposta o bipartidismo estatal. “O PP dinamitou a política pública de vivenda e o PSOE esperou aos minutos de desconto para aprobar un decreto insuficiente e actúa como fondo voitre para vender as vivendas da Sareb, mercadas cos cartos públicos, a prezo de mercado ao mellor postor”, denunciou.

Pola súa banda, Olalla Rodil destacou que o BNG "ten a oportunidade de ter un deputado no Congreso por Lugo", e afirmou que "asumimos o compromiso con ilusión e con ganas para levar a voz das e dos lucenses ao Congreso". Rodil destacou que a candidatura do BNG por Lugo ten “enerxía, experiencia e determinación” para, segundo dixo, "ir a por todas para que Galiza conte cunha forte representación propia no Congreso".

Neste sentido, avanzou que o BNG seguirá traballando "para levar as problemáticas da provincia de Lugo ao Estado" e destacou que o BNG foi "o motor" dos avances conseguidos nos últimos anos tanto co acordo de investidura como "levando a Madrid centos de iniciativas cunha axenda galega propia".

Por último, Noa Presas destacou que estas eleccións son fundamentais nun contexto de ameaza de retroceso democrático e dos dereitos das mulleres -lembrando que os dereitos nunca son definitivos e reivindicando o feminismo como motor de avance e transformación-, tal e como demostrou a mobilización das mulleres en Brasil contra o bolsonarismo.

Fronte a esta vaga reaccionaria, defendeu Presas, "a mobilización feminista para frear os retrocesos, tanto nas rúas como nas urnas". Ademais, situou o BNG como garantía de avance en dereitos e de defensa de Galiza, e chama a aproveitar estas eleccións para "facer historia" coa consecución das primeiras deputadas nacionalistas por Lugo e Ourense porque "se a Galiza lle foi mal co bipartidismo de sempre, a Lugo e Ourense máis", concluíu.

0.41403293609619