Andrés Hurtado, entrenador do Superliga feminino do Emevé: "Teño un gran sentimiento de perteneza tanto ao club como á cidade de Lugo"

O técnico alicantino afronta a súa primeira tempada completa á fronte do equipo de Superliga feminina coa permanencia como prioridade e o obxectivo de consolidar un modelo de xogo propio
Andrés-Hurtado-CV-Emevé
13 Sep 2026

Jessica Fernández

Como xurdiu a oportunidade de vir ao Emevé?

Cheguei a Lugo en 2024 da man de Pascual Saurín, que daquela era o director técnico do Emevé. Na miña primeira tempada estiven á fronte do segundo equipo feminino, das categorías xuvenil e júnior e do equipo de Primeira División Nacional, ademais de colaborar co equipo masculino de Superliga. Na segunda campaña seguín co segundo equipo feminino e coa parte alta da canteira, ao tempo que asumín a dirección de voleibol do club. A falta de tres xornadas para rematar a tempada, o club decidiu facer un cambio no banco do primeiro equipo feminino e pasei a ocupar o posto de primeiro adestrador. Nesta tempada 2026-2027 vou dedicarme exclusivamente ao equipo de Superliga feminina e deixarei a un lado as tarefas de dirección técnica.

É sinxelo compatibilizar a dirección técnica con ser adestrador?

A labor de dirección técnica era compatible co traballo de base porque mantiña unha vinculación directa co equipo de Superliga e coa metodoloxía que o club quería desenvolver. Porén, compatibilizar esas funcións co posto de primeiro adestrador do equipo feminino de Superliga xa non é posible, xa que se trata dunha responsabilidade que require dedicación plena. Por iso, nesta nova etapa decidín deixar a dirección técnica para centrarme exclusivamente no primeiro equipo.

Como cre que vai ser esta tempada?

Levamos dúas tempadas sufrindo bastante en canto a resultados, xa que estivemos na parte baixa da clasificación. Por iso, o primeiro obxectivo para esta campaña é asegurar a permanencia. O ano pasado logramos cumprir parte dos nosos propósitos ata decembro, na Copa da Raíña, pero ao final da tempada tocounos sufrir máis da conta. Tivéronse que facer cambios e chegamos a ocupar postos de descenso. Este ano queremos garantir a permanencia con moita máis marxe e sen agardar ás últimas xornadas. A partir de aí, a intención é competir en todos os partidos para aspirar a metas máis ambiciosas, como estar na Copa da Raíña ou incluso entrar nos play-offs, algo que o club aínda non conseguiu na súa historia.

Confía no seu equipo de xogadoras?

O labor que desempeñei a pasada tempada como director técnico e o feito de asumir o equipo nas tres últimas xornadas permitiume coñecer moi ben as xogadoras. Varias delas renovaron e consideramos que forman un núcleo moi sólido, con capacidade para achegar moito ao equipo. Ademais, cremos que aínda non mostraron todo o seu potencial e que teñen unha ampla marxe de evolución dentro do club. En canto ás novas incorporacións, pensabamos que sería máis complicado pechar algunhas operacións, pero desde os primeiros contactos todo foi bastante fluído e fóronse dando os pasos necesarios para concretalas. Iso non sempre é sinxelo, porque as negociacións adoitan ser longas e hai que competir con outros clubs polo mesmo talento. Neste caso, conseguimos incorporar as xogadoras que realmente queriamos e, por iso, estamos moi satisfeitos co traballo realizado. Fixemos unha aposta firme e estamos convencidos de que están preparadas para alcanzar os obxectivos marcados.

Máis alá dos éxitos deportivos, que obxectivos se queren conseguir?

O voleibol é un deporte de alto nivel no que, cando os resultados non acompañan ou os obxectivos se complican, ás veces a parte humana parecen quedar nun segundo plano. Nós queremos que os resultados vaian da man dunha identidade propia, algo no que xa levo tempo traballando nas categorías inferiores e que agora queremos trasladar ao primeiro equipo. A idea é construír un proxecto sólido no que convivan xogadoras veteranas e mozas, creando un grupo atractivo tanto para as que xa están como para futuras incorporacións. Eu non son unha persoa conformista e estou convencido de que a forma de competir marca a diferenza, independentemente do resultado puntual. Cando existe un modelo de traballo claro e se compite ao máximo nivel, os resultados acaban chegando. Ademais, no Emevé atopamos un trato humano excelente tanto cara aos técnicos como ás xogadoras. Por iso, o noso reto é devolverlle ao club esa confianza a través do traballo diario, consolidando a identidade e o modelo que queremos implantar.

Cal é o modelo de xogo que quere aplicar?

O modelo de xogo ten que estar directamente ligado ao traballo diario nos adestramentos e asentarse sobre dous piares fundamentais: a esixencia e a autoesixencia das xogadoras. É importante que ambas vaian da man. Dentro do equipo hai unha serie de normas e principios que se deben respectar, porque estamos convencidos de que os resultados chegan a través do traballo. Manter ese nivel de esixencia non é sinxelo, xa que require un compromiso moi alto durante toda a tempada, pero é precisamente iso o que queremos consolidar. Se conseguimos facelo, teremos máis posibilidades de alcanzar os nosos obxectivos sen pasar polas dificultades que vivimos nos últimos anos. Nas últimas tempadas logramos aplicar este modelo só de forma parcial e iso fíxonos sufrir en moitos momentos. Nesta campaña queremos evitar esas situacións e competir con máis regularidade desde o inicio ata o final.

Como valora a súa estancia no club?

Estes dous anos en Lugo foron moi positivos para min. O Emevé é como unha pequena familia que me acolleu moi ben desde o primeiro momento, e eu tamén me integrei perfectamente tanto coa directiva como con toda a xente que rodea o club. Iso fai que acabes desenvolvendo un importante sentimento de pertenza. Ademais, o feito de pasar pola dirección técnica e consolidarme agora como adestrador do primeiro equipo reforza aínda máis ese vínculo. Afronto esta nova etapa con moita ilusión, porque coñezo ben o funcionamento do club, a súa filosofía e ás persoas que forman parte del, e estou convencido de que podemos facer unha boa tempada.

Vese aquí no futuro?

Estas dúas tempadas no Emevé foron moi satisfactorias para min. Se este ano conseguimos implantar o modelo de traballo que temos en mente e alcanzar os obxectivos marcados, non tería ningún problema en seguir máis tempo vinculado ao proxecto. Identifícome moito cos valores e coa proposta do club, e teño un forte sentimento de pertenza tanto cara á cidade como cara ás persoas que forman parte do Emevé.

Gústalle Lugo tamén.

Podería saír un pouquiño máis o sol, iso si. Pero creo que Lugo é unha cidade que acolle. A xente do club e do meu arredor acolleume moi ben. Non só é importante o salario económico, tamén o emocional para que a experiencia vital sexa boa. E en Lugo sentinme moi ben acollido.

0.33966016769409