Anne L'Huillier destaca en Compostela a importancia de facilitar o acceso das mulleres á ciencia

A Premio Nobel de Física en 2023 Anne L'Huillier xa se atopa en Compostela, onde este venres 2 de outubro, ás 19.30 horas, ofrecerá unha conferencia aberta ao conxunto da cidadanía no marco do Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago. Baixo o título ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, o relatorio terá lugar no Auditorio ABANCA, na rúa Preguntoiro, 23, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
Durante a súa estadía en Santiago, L'Huillier mantivo unha xuntanza coa reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, e participou nun encontro cos medios de comunicación no que repasou a súa traxectoria científica e abordou diferentes cuestións de actualidade relacionadas co mundo da ciencia, entre elas o acceso das mulleres á investigación.
A científica francesa destacou que «hai anos era máis difícil para as mulleres acceder a postos de traballo no eido científico, eran expulsadas do sistema». Aínda que considera que esta situación foi mudando co paso dos anos, subliñou a importancia de desenvolver accións que motiven e favorezan a incorporación das mulleres ao ámbito científico.
Na rolda de prensa, L'Huillier estivo acompañada polo director do Programa ConCiencia e catedrático da USC, Jorge Mira, e polo científico galego Daniel Díaz Rivas, cuxa tese ten como codirectora á propia Premio Nobel.
Outro dos asuntos abordados por Anne L'Huillier foi o financiamento da investigación científica. «A ciencia básica precisa de suficiente financiamento para levar a cabo os seus experimentos», sinalou.
A Premio Nobel destacou, con todo, que o propio proceso de procura de financiamento pode ter tamén unha vertente positiva, xa que «te forza a planificar o teu traballo, forma parte da vida da persoa científica».
L'Huillier referiuse tamén aos procesos de difusión da ciencia e ao funcionamento das revistas científicas. Neste ámbito, defendeu que «o importante é o traballo que realizaches, non a revista en que publicas». Como exemplo, relatou que parte dos seus descubrimentos foron publicados en revistas de menor impacto, pero permitíronlle continuar avanzando nas súas investigacións.
Durante os próximos días, a científica manterá diferentes encontros con persoal investigador da USC e impartirá tamén unha clase na universidade. O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) acollerá este venres unha xuntanza con persoal investigador mozo e outra con mulleres científicas.
L'Huillier reuniuse ademais coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e protagoniza unha mostra bibliográfica que pode visitarse na biblioteca da Facultade de Física.
Unha carreira dedicada a estudar o movemento dos electróns
Anne L'Huillier naceu en París en 1958 e estudou Física na Universidade Pierre e Marie Curie, actual Universidade da Sorbona, onde obtivo o doutoramento en 1986. Tras desenvolver investigación no Commissariat à l'énergie atomique et aux énergies alternatives (CEA) de Francia, incorporouse á Universidade de Lund, en Suecia, institución na que desenvolveu a maior parte da súa carreira científica e onde é profesora de Física Atómica.
A súa investigación transformou a capacidade da comunidade científica para observar os procesos máis rápidos da natureza. Os electróns, responsables das propiedades químicas e eléctricas dos átomos e das moléculas, móvense en escalas temporais da orde dos attosegundos, unha milmillonésima dunha milmillonésima de segundo, é dicir, 10⁻¹⁸ segundos.
Durante décadas, estas escalas permaneceron fóra do alcance dos instrumentos experimentais. Os avances na tecnoloxía láser e o traballo pioneiro de L'Huillier permitiron xerar pulsos de luz suficientemente breves para rexistrar ese movemento cunha resolución temporal sen precedentes.
En 1987, a científica descubriu e explicou un fenómeno fundamental coñecido como xeración de harmónicos de alta orde. Ao facer incidir un intenso pulso láser sobre un gas de átomos, observou a aparición dunha serie de harmónicos de alta frecuencia que permitían producir radiación ultravioleta extrema.
Este descubrimento sentou as bases físicas para a xeración de pulsos de attosegundos e abriu un novo campo de investigación, a atofísica. Décadas máis tarde, os traballos de Pierre Agostini e Ferenc Krausz demostraron experimentalmente como utilizar estes harmónicos para producir pulsos illados de attosegundos. Polas súas contribucións complementarias, os tres científicos compartiron o Premio Nobel de Física en 2023.
A posibilidade de observar directamente o movemento dos electróns abriu unha nova vía para estudar a materia. Os pulsos de attosegundos permiten seguir practicamente en tempo real a reorganización electrónica que precede ás reaccións químicas, a absorción de luz polos materiais ou os procesos fundamentais que teñen lugar en semicondutores, moléculas e sistemas biolóxicos.
Estas investigacións permiten afondar no coñecemento da natureza e, ao mesmo tempo, abren perspectivas para o desenvolvemento de novos dispositivos electrónicos ultrarrápidos, materiais avanzados e tecnoloxías cuánticas.
Curiosidade e rigor científico
Ao longo da súa carreira, Anne L'Huillier combinou un profundo coñecemento da física atómica cunha destacada capacidade para desenvolver técnicas experimentais de gran precisión. O seu traballo impulsou o progreso da óptica non lineal e da ciencia do láser, disciplinas que actualmente constitúen ferramentas fundamentais en numerosos laboratorios de investigación de todo o mundo.
A científica contribuíu tamén á formación de varias xeracións de investigadores e desempeñou un papel destacado no fortalecemento da colaboración científica internacional.
O responsable do Programa ConCiencia, Jorge Mira, destacou o rigor científico e a dedicación á investigación fundamental de L'Huillier e sinalou que representa «o exemplo de como a curiosidade por comprender os fenómenos máis elementais pode dar lugar a avances tecnolóxicos revolucionarios».
Segundo Mira, os seus descubrimentos permitiron observar procesos que ata hai poucos anos parecían inaccesibles e ampliaron de maneira extraordinaria a capacidade para explorar o mundo microscópico. «Grazas ao seu traballo, a humanidade dispón hoxe dunha ferramenta única para estudar o comportamento dos electróns e comprender con maior profundidade os mecanismos fundamentais que gobernan a materia», afirmou.