Antón García Tenreiro será o candidato de Sumar Galicia para reforzar Ferrol en Común nas municipais de 2027

Movemento Sumar Galicia presentou este venres a Antón García Tenreiro como o seu candidato para as eleccións municipais de 2027 en Ferrol, nun acto celebrado no Centro Cívico de Canido. A designación encádrase no proceso de construción dunha candidatura unitaria arredor de Ferrol en Común. A organización confirmou previamente que García Tenreiro fora elixido por unanimidade pola súa asemblea comarcal.
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo López, presentou a elección como unha aposta pola incorporación da mocidade á actividade política e polo reforzo do proxecto compartido. "Escollemos a Antón para reforzar Ferrol en Común. Para reforzar a Jorge e a Nerea. Para achegar máis xente e máis forza ao proxecto compartido", afirmou, en referencia aos concelleiros Jorge Suárez e Nerea Purriños.
García Tenreiro, enfermeiro de 23 anos, será o representante de Sumar Galicia dentro deste proceso. Forma parte da organización desde a súa creación, integra a Coordinadora e a Executiva Nacional e exerce como secretario de Mocidade.
Durante a súa intervención, López reivindicou a necesidade de facilitar que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto vital en Ferrol, con acceso ao emprego, á vivenda e a servizos públicos. "Queremos que quen estuda aquí poida traballar aquí. Que quen marcha poida volver. Que quedar sexa unha opción real, con dereitos e cun proxecto de vida", sinalou.
A unidade das forzas da esquerda ocupou tamén unha parte destacada do acto. López valorou o camiño compartido con Esquerda Unida, Anova, Podemos e persoas sen adscrición partidaria, e asegurou que Sumar afronta o proceso con "respecto, traballo e lealdade". A organización defende que tanto a candidatura como o programa deben construírse de maneira colectiva e coa participación da sociedade civil.
A vivenda foi outro dos asuntos abordados polo secretario xeral de Sumar Galicia. López reclamou ampliar o parque público de alugueiro, rehabilitar edificios e recuperar os barrios contando coa veciñanza. Tamén criticou o voto contrario de PP, Vox e Junts aos dous decretos de vivenda aos que fixo referencia durante a súa intervención. "As tres dereitas, xuntas para impedir que avancemos no dereito á vivenda", denunciou.
Neste ámbito, reafirmou o compromiso da formación con medidas como a prórroga dos contratos, a conxelación dos alugueiros, a protección fronte aos desafiuzamentos e os límites á especulación. "Tumbaron dous decretos, pero a necesidade de ter unha casa segue aí", afirmou.
Movemento Sumar Galicia sinala que García Tenreiro será o seu referente dentro de Ferrol en Común, ao que apoia no proceso de conformación dunha candidatura unitaria. A formación sitúa entre as súas prioridades para Ferrol as oportunidades para a mocidade, os servizos públicos, as políticas de coidados e o acceso á vivenda.
López pechou o acto reivindicando o obxectivo de ampliar o espazo de Ferrol en Común e de que a esquerda volva asumir o goberno municipal: "A nosa ambición é que Ferrol en Común medre e que a esquerda recupere o goberno de Ferrol".