Antonio Meilán presenta o seu novo libro, sobre a historia de Caldaloba

GaliciaXa
O vindeiro xoves 10 de marzo de 2022, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de Antón Meilán.
ANTON MEILAN CARTAZ copia_PORTADA
ANTON MEILAN CARTAZ copia_PORTADA
5 Mar 2022

O vindeiro xoves 10 de marzo de 2022, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de Antón Meilán Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, nun acto organizado polo Iescha, coa colaboración da Vicepresidencia-Área de Cultura da Deputación de Lugo (entidade editora) e o Concello de Vilalba.

Intervirán no acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Chema Felpeto, membro da Xunta Directiva do Iescha, e o propio autor do libro, Antón Meilán.

A publicación insérese dentro das actividades e accións reivindicativas con que entidades da Terra Chá e concellos limítrofes están a demandar que Caldaloba pase a propiedade pública e se leve a cabo a súa recuperación e posta en valor.

Así resume o contido da obra o propio autor, Antón Meilán: “Os derradeiros aconteceres do tráxico final de Pardo de Cela xunguiron a torre fortaleza de Vilaxoán á historia mariscaliana, pois unha vez que é degolado en Mondoñedo, xunto co seu fillo Xoán Núñez de Pardo, a súa filla dona Constanza de Castro e o seu marido, Fernán Ares de Saavedra, aconsellados por familiares e amigos, deciden «furtar» a torre fortaleza de Vilaxoán, chamada tamén de Caldaloba (Cospeito) para trataren de vencer ás tropas dos Comisionados reais e recuperar os bens do pai, que lle foran incautados nada máis ser asasinado. Nesta torre fortaleza, resisten máis dun ano enfrontándose non só ao exército do reino de Castela, dirixido e representado en Galiza polo Xustiza Maior, D. Diego López de Haro, senón tamén ás tropas dos Andrade e ás de Álvaro González de Ribadeneira, que se xuntaron ás castelás para combater a dona Constanza e a Fernán Ares. Unha vez que dona Constanza morre envelenada pola inxesta da auga podre do pozo, e todos os demais «adolesçieron», menos tres, entre os que estaba Fernán Ares de Saavedra, depoñen a loita. Nesta publicación estúdianse os pormenores do cerco, o envelenamento das augas e faise unha comparanza co final do cerco de Caldaloba co de Pardo de Cela en Mondoñedo”.

0.17694616317749