Anxo Otero e Olalla Saborido coróanse no trail Entre Pontes de Vigo, que contou con 800 atletas en Beade

Luisa Sánchez salienta o éxito da segunda proba do circuíto da Deputación de Pontevedra e reivindica os montes da cidade como escenario privilexiado para gozar do deporte
podio-carreira-entre-pontes-vigo
12 Oct 2026

Anxo Otero e Olalla Saborido proclamáronse gañadores, en categoría masculina e feminina, respectivamente, da segunda parada do circuíto Entre Pontes Trail & Running, celebrada este luns en Vigo cun trail de 14 quilómetros e 380 metros de desnivel que percorreu os montes de Vigo con saída e meta no Parque Forestal de Beade. O vencedor absoluto marcou un tempo de 1:04:27 e a primeira clasificada rematou a proba cunha marca de 1:18:13.

A segunda cita de Entre Pontes Trail & Running, circuíto promovido pola Deputación de Pontevedra, reuniu 800 participantes entre a carreira principal, as dúas modalidades de andaina non competitiva e as carreiras infantís. Ademais, a zona de convivencia instalada no Parque Forestal de Beade, con food trucks gratuítas e animación, congregou a unha morea de persoas nunha xornada de deporte, natureza e ocio.

A vicepresidenta da Deputación e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, participou na xornada e puxo en valor a resposta que tivo unha proba que esgotou as súas prazas en cuestión de días. A representante provincial en Vigo salientou que o éxito da convocatoria confirma que “hai moitas ganas de facer deporte e de descubrir tamén ese Vigo que temos nos montes”. “Hoxe o importante é que cada persoa atopou a súa maneira de gozar do percorrido, correndo, camiñando ou acompañando aos máis pequenos”, engadiu.

A xornada comezou ás 10.00 horas co trail de 14 quilómetros e continuou media hora máis tarde coa andaina de adultos, de 4,6 quilómetros, e coa andaina familiar, de 2,9 quilómetros. A programación completouse ao mediodía con carreiras infantís adaptadas ás diferentes idades. Todas as actividades foron de balde para as persoas participantes, que recibiron unha camiseta técnica oficial de Entre Pontes, avituallamento, un obsequio e unha fotografía oficial.

Segundo Luisa Sánchez, “Entre Pontes está demostrando que o deporte pode propiciar outro xeito de mirar o noso territorio, cunha proposta que combina actividade física e natureza”. A vicepresidenta agradeceu tamén a colaboración da Mancomunidade de Montes de Vigo para facer posible a celebración da proba.

A de Vigo é a segunda das seis xornadas do Entre Pontes Trail & Running, un circuíto que alterna tres trails de 14 quilómetros con tres probas de 10K e que incorpora en cada sede actividades paralelas como andainas e carreiras infantís. Tras o paso por Vigo, o programa continuará o 25 de outubro en Gondomar (10K), o 1 de novembro en Cerdedo-Cotobade (trail), o 22 de novembro en Pontevedra (10K) e o 29 de novembro en Moaña (trail). As inscricións para as dúas últimas citas abriranse proximamente. As prazas están esgotadas para o resto de días.

0.39009881019592