Aprobado o programa de Excelencia Sénior para aproveitar o talento investigador

O Consello da Xunta aprobou hoxe a posta en marca do novo programa piloto de excelencia sénior de Galicia, unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para aproveitar o talento dos investigadores máis destacados do Sistema universitario de Galicia e facilitar a remuda xeracional. En concreto dirixirase aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia (rede Cigus) que contan coa prestixiosa acreditación María de Maeztu, co obxectivo tamén de facilitarlles a renovación desta distinción tendo en conta o importante papel e peso dos científicos excelentes neste tipo de distincións.
Para iso, facilitarase que os investigadores principais, xa xubilados, que sexan profesores eméritos da universidade e cuxo traballo é vertebral para as liñas de investigación dos seus centros, continúen traballando neles. Convocaranse un total de tres prazas cunha vinculación máxima de dous anos prorrogable por un máis. Durante este tempo, poderán pechar os proxectos nos que están a traballar e facilitar a remuda xeracional cara a outros investigadores en activo que poidan ocupar o seu lugar.
Neste sentido, o aproveitamento da experiencia, coñecemento acumulado e capacidade de mentoría do persoal investigador de traxectoria consolidada resulta esencial para asegurar a sustentabilidade do sistema e favorecer procesos ordenados de remuda xeracional.
A día de hoxe a Universidade de Santiago de Compostela é a única en Galicia que conta con tres centros distinguidos coa acreditación María de Maeztu, en concreto o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Así as cousas, o programa artellarase a través dun convenio de colaboración coa USC, que será a responsable de realizar a convocatoria para que os profesores realicen a súa solicitude para continuar en activo.
Traxectoria científica de excelencia acreditada
Poderá participar o profesorado emérito que desenvolva a súa actividade principal nun dos devanditos tres centros e que conte cunha traxectoria científica de excelencia acreditada, cun liderado consolidado en liñas estratéxicas do centro. Será requisito imprescindible dispoñer de actividades de investigación activas, que lidere a persoa candidata.
Ademais, no momento da presentación da candidatura ante a USC, deberase presentar un plan de remuda xeracional detallando as medidas destinadas a garantir a continuidade das liñas de investigación, das estruturas científicas e das capacidades organizativas do centro, podendo incluír, entre outras actuacións, a integración progresiva doutros investigadores nas redes científicas existentes, mecanismos de cotitorización do persoal predoutoral e posdoutoral ou plans de incorporación de persoal investigador consolidable.
A avaliación das candidaturas corresponderá a un comité experto externo, o Scientific Advisory Board (SAB). As persoas seleccionadas percibirán a pensión de xubilación, que será compatible co complemento salarial que financia o programa de excelencia sénior. O orzamento total da iniciativa é de 287.000 €, dos que a Xunta achega o 85 % e a USC o 15 % restante.
A través deste programa garántese a continuidade das capacidades científicas estratéxicas dos centros de investigación de excelencia, facilítase a permanencia temporal de persoal investigador sénior de traxectoria recoñecida cuxo liderado resulte esencial para a competitividade internacional dos centros, promóvese a remuda xeracional e contribúese á consolidación da rede Cigus e ao mantemento das distincións de excelencia obtidas.