Arranca a campaña de vacinación contra a gripe nas residencias de maiores

Incorpora a inmuniza ión reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos
vacinacion-vacina-centros-de-maiores
28 Sep 2026

A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, acudiron ao acto de inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid que, como cada ano, comeza polas residencias de maiores e os centros de discapacidade.

No acto, que tivo lugar na residencia de maiores “A Eiriña”, o conselleiro de Sanidade detallou que é precisamente neste tipo de centros onde ten máis sentido comezar a campaña, posto que concentra unha poboación especialmente vulnerable ante as infeccións respiratorias e as súas posibles complicacións.

Respecto da dimensión da campaña, o conselleiro explicou que en Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid.

Concretamente na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, son máis de 97.000 maiores de 60 anos os chamados a vacinarse fronte á gripe, e ao redor de 56.000 maiores de 70 anos fronte á covid.

Gómez Caamaño referiu que a campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios onde a Xunta está a desenvolver un proxecto piloto que xa iniciou o pasado ano, cunha poboación diana de 26.500 alumnos.

A partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios e, posteriormente, o dous de novembro ás embarazadas.

Na súa intervención no acto, o conselleiro de Sanidade puxo especialmente o foco na protección das persoas maiores, xa que este ano amplíase a vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos, polo que esta protección reforzada chegará xa a toda a poboación de 65 ou máis anos.

A Xunta parte dunhas coberturas moi elevadas, posto que na campaña anterior o 72,36 % dos maiores de 65 anos vacináronse contra a gripe na nosa comunidade, fronte ao 58,47 % da media de España.

No caso da vacinación dos maiores de 80 anos, a Xunta chegou ao 81,22 %, e a media do Estado foi do 64,75 %.

Estas cifras representan para o conselleiro o compromiso da cidadanía e o traballo dos profesionais sanitarios.

Respecto dos obxectivos para esta campaña, agárdase chegar ao 60 % de vacinación en nenos de 6 meses a 11 anos, nas mulleres embarazadas e nos traballadores sanitarios, e ao 75 % na poboación de 60 ou máis anos.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro fixo un chamamento á vacinación, posto que a mellor protección é a prevención, recordando que Galicia conta co calendario de inmunización máis amplo de España e cunhas coberturas das máis elevadas.

0.3459370136261