Arranca a campaña de vacinación contra o pneumococo e o herpes Zóster nas residencias de maiores

O virus varicela zóster é unha enfermidade de baixa mortalidade pero moi prevalente, especialmente a partir dos 50 anos
vacuna
16 Jun 2026

A Xunta pon en marcha, desde hoxe martes, nas sete áreas sanitarias, unha campaña específica para reforzar a vacinación fronte ao pneumococo e ao herpes zóster nas residencias de maiores de Galicia. Para a realización da campaña estableceuse un cronograma de actuación por centros sociosanitarios.

O Executivo galego abordou na súa reunión semanal un informe sobre esta iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, en coordinación co Servizo Galego de Saúde a e Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade.

A campaña pretende facilitar a vacinación das persoas residentes, un colectivo especialmente vulnerable debido á idade avanzada e á elevada prevalencia de enfermidades crónicas e á convivencia en institucións pechadas. O obxectivo é contribuír á prevención de enfermidades inmunoprevenibles, á redución das hospitalizacións e complicacións asociadas e á diminución da morbimortalidade neste grupo de poboación.

A campaña desenvolverase conforme as recomendacións vixentes do Programa galego de vacinación, garantindo a equidade e a accesibilidade ás vacinas financiadas, mediante a súa administración no propio centro residencial e reducindo as barreiras de acceso.

Ofrecerase a vacina antipneumocócica conxugada 20 valente (VNC20) a persoas non vacinadas previamente, co fin reducir a incidencia de enfermidades leves do tracto respiratorio superior ata formas graves como pneumonía, meninxite ou sepse.

Así mesmo, ofrecerase a vacina fronte ao herpes zóster ás persoas que cumpriron 65 ou 80 anos desde a introdución da vacina no calendario de inmunización para toda a vida en 2023, para reducir a carga de enfermidade e as súas secuelas.

O virus varicela zóster é unha enfermidade de baixa mortalidade pero moi prevalente, especialmente a partir dos 50 anos. Os seus síntomas máis comúns son a aparición de vesículas na zona do nervio afectado e dor, ademais de neurite aguda dolorosa que adoita preceder á erupción vesiculosa.

A vacina antipneumocócica adminístrase mediante unha dose única intramuscular e a do herpes zóster mediante dúas doses. O intervalo da segunda dose da vacina do herpes zóster varía en función do estado de saúde e do sistema inmunolóxico da persoa.

Na campaña fortalecerase a coordinación entre atención primaria, saúde pública e os centros sociosanitarios, favorecendo a identificación das persoas candidatas, a planificación das intervencións e o rexistro das doses administradas.

Achegar as actuacións preventivas ao ámbito residencial promove unha atención máis proactiva e centrada na protección da saúde das persoas maiores institucionalizadas.

Cómpre lembrar que, o pasado mes de abril, a Xunta autorizou a contratación da subministración de 130.000 doses da vacina fronte ao herpes zóster por un importe de 16.257.800 euros e un período de 12 meses. Así mesmo, tamén no pasado mes de abril, a Xunta autorizou a subministración sucesiva, por importe de 5.392.816 euros, da vacina 20 valente fronte ao pneumococo.

0.28064298629761