Arranca a primeira Copa Deputación de Pontevedra de futsal co sorteo da primeira edición

O torneo arrincará o próximo 12 de outubro e finalizará o 30 de maio coa disputa das finais nas tres categorías
presentacion-primeira-copa-deputacion-futbol
30 Sep 2026

A sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo vestiuse de gala este martes para albergar o sorteo desta primeira edición da Copa Deputación de Pontevedra de fútbol sala, un evento ao que acudiron o presidente do organismo provincial, Luis López; o presidente da RFGF, Pablo Prieto; a vicepresidenta da Deputación e deputada de deportes, Luisa Sánchez; o vicepresidente da RFGF, Fernando Iglesias; a responsable de deportes da Deputación, Xisela Aranda; o responsable do fútbol sala en Galicia, Julio Mougán; o director xeneral da RFGF, Carmelo Galiñanes; o delegado federativo Borja Arca; e unha nutrida representación dos clubs participantes nesta primeira edición do torneo do KO.

“Presentamos un novo fito, un novo paso adiante da que xa todos coñecemos como a provincia do deporte. Un territorio capaz de conxugar eventos de impacto mundial, con competicións que demostran o potencial do deporte máis local. A mesma provincia que exhibe cara o exterior a súa capacidade de organización de eventos internacionais como a Supercopa Ibérica de balonmán é tamén a provincia que mira cara o interior impulsando competicións como esta primeira edición da Copa Deputación de Fútbol Sala masculina e feminina que promoven o deporte, fomentan a igualdade e axudan aos nosos clubs”, declarou o mandatario provincial na presentación dun evento que conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, representada no acto desta tarde polo seu presidente Pablo Prieto, xunto con representantes de clubs de fútbol sala de toda a provincia.

A competición comezará a disputarse esta mesma tempada a través dun sistema de eliminatorias a partido único e estará dividida en tres categorías. Na primeira división masculina, participan 16 equipos de Terceira División Nacional e de Preferente Futgal; na segunda división masculina, compiten ata 32 clubs de primeira e segunda Futgal; e da división feminina forman parte ata 22 entidades de categoría Preferente Futgal, Primeira e Segunda Futgal. A competición comezará a celebrarse a partir do mes de outubro desde a fase de oitavos de final, mentres que na segunda división masculina haberá unha fase previa. A celebración da final está prevista para o vindeiro 30 de maio.

O nacemento desta nova competición responde tanto á aposta estratéxica da Deputación polo impulso ao deporte, como polo apoio aos clubs e á organización de eventos deportivos que dinamicen tanto a actividade deportiva como económica nos concellos. Ademais, con este novo campionato o goberno provincial cumpre co seu compromiso de crear unha Copa Deputación para o fútbol sala despois de recuperar a de fútbol, suprimida co goberno anterior. “A Deputación de Pontevedra que está apostar como nunca na súa historia polo apoio a clubs e deportistas, a mellora de instalacións e organización de eventos”, remarcou o presidente.
Neste sentido, a vicepresidenta Luisa Sánchez, despois de dar a benvida a todos os asistentes, fixo fincapé no impacto económico que terá esta competición para os clubs participantes. “Para a Deputación de Pontevedra é unha satisfacción poñer en marcha esta competición, que busca apoiar os equipos da nosa provincia. Un apoio que chegará de xeito directo aos clubs participantes, que son os que sosteñen o deporte desde a base”, sinalou a dirixente sobre unha competición que repartirá premios de entre 350 e 800 euros, a cada club a medida que vaian superando eliminatorias.

“O apoio por parte da Deputación ás entidades deportivas da provincia que non se limita á creación de novas competicións. Ampliamos as subvencións ás entidades que participan en competicións estatais ou rexionais, creamos liñas de apoio para mellorar os materiais e equipamentos dos clubs como o DepoVan ou as axudas Prodeporte, impulsamos o deporte de base con programas como O Noso Club ou +Talento Motor e realizamos un investimento sen precedentes, 28M€, para a mellora ou construción de instalacións nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. E mención aparte, require a colaboración coa reforma de Balaídos, con 13M€ de fondos provinciais para a Grada de Gol”, resumiu Luis López antes de agradecer a colaboración da Federación Galega de Fútbol e desexar sorte a todos os participantes.

O presidente da RFGF, Pablo Prieto, destacou durante o evento que "hoxe é un día especial e histórico para o fútbol sala da provincia de Pontevedra. É un pracer traballar man a man con esta institución que desde o primeiro momento abriunos as portas e sempre apostaron por nós".

0.36714196205139