Arredor de 900 persoas investigadoras da Universidade de Vigo cobrarán as subas salariais pendentes

Os pagamentos xa comezaron a facerse efectivos, poñendo fin a un conflito que afecta a tres colectivos vinculados á investigación
laboratorio_recurso
13 Nov 2026

A execución dunha sentenza gañada pola CIG á Universidade de Vigo permitirá que arredor de 900 persoas vinculadas á investigación vexan actualizados os seus salarios e reciban os atrasos correspondentes aos últimos cinco anos. O conflito colectivo, iniciado pola organización sindical nos xulgados en 2022, culmina así co recoñecemento do dereito ás actualizacións retributivas do persoal investigador.

A Universidade de Vigo publicou hai uns días a instrución que establece como se executará a sentenza do Tribunal Supremo, que perdeu tras un recurso de casación en novembro de 2025. Os pagamentos xa comezaron a facerse efectivos, poñendo fin a un conflito que afecta a tres colectivos vinculados á investigación.

A resolución xudicial recoñeceu o dereito ás subas salariais anuais recollidas nos Orzamentos Xerais do Estado para o persoal docente e investigador (PDI) en formación predoutoral, o persoal posdoutoral e as persoas contratadas con cargo a proxectos de investigación. O Supremo considerou contraria a dereito, discriminatoria e, polo tanto, nula a decisión da Universidade de Vigo de non aplicar a estes tres colectivos os incrementos retributivos establecidos na normativa estatal para os anos 2022 e 2023.

A CIG-Ensino leva un ano en contacto coa reitoría da Universidade de Vigo para intentar buscar unha saída negociada ao conflito colectivo. Porén, distintas circunstancias acontecidas durante os últimos meses na propia institución académica prolongaron o cumprimento da sentenza máis do desexado.

O pasado 20 de outubro, a Xerencia publicou a Instrución 7/2026, relativa á execución da resolución xudicial. Segundo explica o sindicato, arredor de 900 persoas dos colectivos afectados recibirán, se aínda non o fixeron, as subas salariais correspondentes aos anos 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026, xunto cos atrasos acumulados.

No caso do persoal que mantén actualmente unha vinculación contractual coa Universidade de Vigo, algúns pagamentos xa se reflectiron na nómina de outubro e completaranse nas de novembro ou, como moi tarde, na de decembro. Pola súa banda, as persoas afectadas que xa non teñen relación laboral coa institución disporán dun modelo de solicitude que deberán presentar no rexistro para reclamar as cantidades correspondentes.

A CIG pide aclaracións sobre a instrución

A pesar deste avance, a CIG-Ensino rexistrou un escrito ante a Xerencia para solicitar aclaracións sobre varios aspectos da redacción da instrución que lle xeran dúbidas. O sindicato agarda recibir unha resposta nos vindeiros días e confía en que non sexa necesario impugnar o documento, o que permitiría dar por rematado o proceso xudicial.

A organización sindical tamén lembra as actuacións realizadas pola Inspección de Traballo tras as denuncias presentadas pola CIG e asegura que solicitou por escrito á Universidade de Vigo a confirmación dos pagamentos xa efectuados para poder contrastar a información.

Os colectivos beneficiarios desta resolución son o persoal predoutoral en formación, o posdoutoral e o contratado con cargo a proxectos de investigación. A partir de agora, todos eles terán actualizadas as súas nóminas nas mesmas condicións que o resto do persoal que xa percibía estes incrementos salariais.

A CIG-Ensino destaca que o dereito recoñecido para os anos 2022 e 2023 terá continuidade nos seguintes exercicios e estenderase a todo o persoal afectado. O sindicato congratúlase, ademais, de ter conseguido nas tres universidades galegas unha mellora que considera moi significativa para as persoas vinculadas á investigación.

1.8785669803619