Arredor dun cento de familias reclaman en Xove a cobertura inmediata da praza de pediatría

Arredor dun cento de familias concentráronse diante do Centro de Saúde de Xove para denunciar a falta de pediatra desde hai case un mes. A veciñanza considera que esta situación evidencia o deterioro da atención primaria na Mariña e reclama unha solución inmediata que garanta a asistencia sanitaria das crianzas.
Segundo denuncian as familias, a alternativa ofrecida pola Consellería de Sanidade e a Xerencia da Área pasa por contactar co centro de saúde de Burela, que tamén conta cunha cobertura pediátrica reducida, ou acudir ao punto de atención continuada (PAC) nos casos nos que non se considere necesaria unha atención urxente.
Pola súa banda, a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos asegura que a asistencia sanitaria infantil está garantida, tanto para as urxencias como para o seguimento habitual. O Sergas explica que a praza de pediatría de Xove está cuberta, pero que a profesional titular se atopa de baixa laboral. A pesar das xestións realizadas, afirma que non foi posible contratar unha substituta pola falta de especialistas dispoñibles.
Segundo a Administración sanitaria, o Servizo de Pediatría do Hospital Público da Mariña está a asumir a atención e o seguimento dos nenos e nenas de Xove. As urxencias, engade, tamén poden ser atendidas polos médicos de familia, os PAC e os servizos hospitalarios. A Área Sanitaria pide desculpas polas molestias ocasionadas e asegura que continúa buscando profesionais para cubrir a ausencia.
As familias, porén, alertan de que a falta de pediatra de atención primaria dificulta a realización dos exames de saúde infantil e dos controis necesarios para o desenvolvemento das crianzas e a detección temperá de posibles problemas. Tamén denuncian dificultades para atender os procesos de saúde cotiáns e as urxencias, que poden acabar derivadas a outros centros con falta de especialistas ou atendidas por persoal non pediátrico.
A veciñanza critica que esta situación obrigue a realizar desprazamentos, aumente a presión sobre outros servizos e leve algunhas familias a recorrer á sanidade privada cando dispoñen de recursos económicos. Ademais, rexeita que a falta de profesionais se converta nunha situación normalizada e asegura que continuará mobilizándose para defender o dereito das crianzas a unha atención sanitaria pública e de calidade.
As principais demandas das familias son a cobertura inmediata e continuada da ausencia de pediatría nos centros de saúde de Xove e San Cibrao, así como o reforzo estable deste servizo na atención primaria. A súa reivindicación resume o obxectivo da protesta: «Nin un só día sen pediatría».