Arrhythmia lanza mesIAs, terceiro avance do EP CERO, que verá a luz en marzo

A banda alternativa galega Arrhythmia vén de lanzar mesIAs, o terceiro adianto do seu novo EP CERO, que verá a luz o vindeiro 12 de marzo de 2026. O tema poderá escoitarse desde a noite deste xoves, 22 de xaneiro, en todas as plataformas dixitais.
“É unha crítica aos gurús de Internet que tratan de guionizar as nosas vidas e tamén un xeito divertido de dicirlles que nos deixen en paz”, explica Alberto Busco sobre un sinxelo que mantén intacta a esencia directa, combativa e sen filtros da banda.
En mesIAs, Arrhythmia experimenta cos ritmos máis bailables da música electrónica, mesturados co seu son habitual, no que conflúen metal, rock e rap, sempre en galego e cunha forte carga expresiva. O lanzamento complétase cun vídeo gravado en plano secuencia (oneshoot), dispoñible desde este xoves ao mediodía nas redes sociais e na canle oficial de YouTube do grupo.
Este novo sinxelo dá continuidade á etapa aberta con Amnesia (2025), primeiro adianto de CERO, e con Insaciables, publicado en novembro de 2025 en colaboración co grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo.
Durante o último ano, a banda permaneceu afastada dos escenarios, traballando no estudio e dando forma a un novo capítulo creativo. O resultado é unha evolución sonora que conserva a súa enerxía característica, pero cunha identidade máis afinada e sólida.
Desde Lugo, Arrhythmia leva anos construíndo unha linguaxe musical propia a partir da fricción entre estilos e da intensidade emocional. Recoñecida con dous Premios Martín Códax da Música —en 2018 como mellor banda de metal galego e en 2023 como mellor banda heavy e metal—, a formación consolidouse como unha das propostas máis singulares da escena alternativa galega.
Con CERO, Arrhythmia non regresa: simplemente confirma que nunca marchou.