Arrinca o ciclo “A comedia segundo os Feroz” como antesala dos Premios Feroz 2026

As actividades previas dos Premios Feroz 2026 comezan este mes en Pontevedra co ciclo “A comedia segundo os Feroz”, que terá lugar no Teatro Principal os días 27 e 28 de setembro e 4 e 5 de outubro, sempre a partir das 18.30 horas.
O ciclo inclúe a proxección de catro películas que marcaron a historia recente dos galardóns organizados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE):
3 bodas de más (sábado 27 de setembro), dirixida por Javier Ruiz Caldera e gañadora do Feroz á Mellor Comedia en 2014.
Carmina y amén (domingo 28 de setembro), segunda longametraxe de Paco León, recoñecida tamén como Mellor Comedia nos Feroz 2014.
Seis días corrientes (sábado 4 de outubro), de Neus Ballús, nomeada en 2022 e premiada en festivais internacionais como Locarno.
Competencia oficial (domingo 5 de outubro), dirixida por Gastón Duprat e Mariano Cohn, gañadora do Feroz á Mellor Comedia en 2023.
As sesións son de balde, pero é necesario retirar previamente as entradas na oficina de turismo da Praza de España, dispoñibles desde sete días antes de cada proxección e cun máximo de catro por persoa.
Con esta programación, os Feroz 2026 estrean en Pontevedra unha serie de actividades abertas ao público que teñen á comedia como fío condutor antes da gala do próximo ano.