Representantes do BNG de Narón visitan Lugo para ver a transformación da cidade nos últimos anos

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, recibiu unha delegación do BNG de Narón que visitou a cidade para coñecer distintos proxectos impulsados nos últimos anos polo goberno local. Durante o encontro, Arroxo puxo en valor “o gran cambio” experimentado por Lugo nos últimos sete anos coa presenza do BNG no executivo municipal.
Segundo explicou o portavoz nacionalista, a transformación da cidade sustentouse tanto en grandes actuacións urbanísticas como en pequenas intervencións orientadas a mellorar o día a día da veciñanza. “Temos grandes proxectos, como a recuperación da Muralla para as persoas ou a importante programación cultural, pero tamén pequenas accións que foron mellorando a calidade de vida das e dos veciños de Lugo no seu día a día”, afirmou.
A delegación de Narón estivo integrada pola portavoz municipal, Olaia Ledo, así como polos concelleiros Geno Carballeira e Beatriz Mosquera. Durante a visita achegáronse á Mosqueira, que Arroxo definiu como “o primeiro gran cambio da cidade executado polo BNG”.
O portavoz explicou que este espazo pasou de ser unha zona con intenso tráfico rodado a converterse nunha praza peonil polivalente. “Transformamos un espazo polo que pasaban centos de coches cada día nunha praza peonil polivalente, que se converteu nun gran espazo de convivencia e nun gran espazo cultural”, sinalou.
Arroxo destacou ademais que este modelo urbanístico foi aplicado tanto na contorna da Muralla como en distintos barrios da cidade, permitindo gañar miles de metros cadrados para o uso peonil en zonas como A Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou A Piringalla.
O portavoz nacionalista incidiu en que o traballo realizado non se limita ás grandes obras. “O traballo non só consiste en grandes obras como a Mosqueira ou Recatelo, tamén en mellorar os barrios, crear zonas de convivencia e mellorar o día a día das veciñas e veciños”, asegurou.
Durante a visita tamén reivindicou o apoio do goberno local á cultura de proximidade e ao talento lucense. Arroxo subliñou “a importancia de dar peso á cultura local, apoiando o traballo das e dos artistas de Lugo e recoñecendo a súa calidade”, ao tempo que criticou as valoracións realizadas polo PP desde a oposición sobre a programación cultural.
Finalmente, o portavoz do BNG puxo en valor as actuacións realizadas para revitalizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. Segundo indicou, ambos espazos “están cheos de vida” e contan coa presenza de novas xeracións de vendedores e vendedoras que continúan ofrecendo produtos de calidade nunhas instalacións históricas renovadas.