Ártika Cía, Teatro de Ningures e Teatro O Cubo estarán na oitava edición de Camiño Escena Norte

O programa de intercambio escénico desenvolverase entre setembro e novembro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, cun especial protagonismo para a escena asturiana
teatro-escea-norte-teatro-o-cubo
26 Jun 2026

As compañías galegas Ártika Cía, Teatro de Ningures e Teatro O Cubo formarán parte da oitava edición de Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que reúne a Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. O proxecto celebrarase entre o 18 de setembro e o 15 de novembro baixo o lema Latexos Escénicos, unha edición que porá o foco na creación escénica asturiana.

A presentación oficial do programa tivo lugar este xoves en Xixón, onde se deu a coñecer a selección das 18 compañías que integrarán o circuíto de exhibición Itinerario Constelacións, con tres representantes por cada unha das comunidades participantes. As producións foron escollidas por comisións profesionais independentes e amosan a diversidade artística que caracteriza este proxecto, con propostas de teatro, danza, circo contemporáneo, monicreques, ilusionismo e artes do movemento.

A representación galega estará encabezada por Ártika Cía coa montaxe Non pasarán, Teatro de Ningures con Las guardianas o el nudo del tejedor, obra distinguida co Premio da Crítica de Galicia 2025, e Teatro O Cubo coa súa produción Voo. As tres compañías realizarán unha xira polos restantes territorios participantes, mentres que o público galego poderá coñecer as creacións procedentes de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.

Entre as propostas seleccionadas destacan tamén montaxes como La balada del norte, adaptación teatral da coñecida novela gráfica de Alfonso Zapico; 52 Hercios / 52 Hertz, de Ados Teatroa; ¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatro; ou Peter Pan y Wendy, da compañía rioxana El Perro Azul.

Un dos elementos centrais desta edición será o denominado FOCO Asturias, unha iniciativa destinada a visibilizar e promover a creación escénica desta comunidade. Dentro deste programa celebrarase en Xixón, entre o 21 e o 23 de setembro, o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, dedicado á coprodución e á distribución escénica entre territorios.

A identidade visual desta edición foi creada polo deseñador asturiano Sergio Llunik, quen desenvolveu unha proposta baseada no concepto dos “latexos” como símbolo do encontro entre artistas, público e territorios. O cartel está formado por catro pezas, unha para cada lingua presente no proxecto, e representa a unión de dúas figuras que forman un corazón, unha imaxe que busca transmitir a idea de conexión e intercambio cultural.

Desde a súa creación, Camiño Escena Norte consolidouse como unha das principais plataformas de colaboración escénica do norte peninsular. Ademais da exhibición de espectáculos, o proxecto favorece a mobilidade artística, a creación de redes profesionais e a difusión das producións dos distintos territorios participantes.

A iniciativa está promovida polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Eskena, ESNA e AEscena, integradas na entidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico. O programa conta co apoio de diversas administracións públicas, entre elas a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como institucións autonómicas, provinciais e estatais vinculadas ao ámbito cultural.

0.40325403213501