Arzúa, Melide e Santiso reclaman unha conexión diaria de autobús cos hospitais de Santiago

Os concellos de Arzúa, Melide e Santiso veñen de rexistrar un novo escrito dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia no que reclaman a implantación dun servizo diario de autobús que conecte os tres municipios co Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e co Hospital Provincial.
A petición responde a unha necesidade compartida polos tres concellos: facilitar os desprazamentos das traballadoras e traballadores que acoden diariamente aos centros hospitalarios e garantir unha alternativa de transporte público á veciñanza que precisa desprazarse a Santiago por motivos médicos, para acompañar familiares ou realizar visitas.
Na actualidade, a falta de conexións adaptadas aos horarios hospitalarios dificulta estes desprazamentos e obriga a moitas persoas a depender do vehículo privado. Por este motivo, os alcaldes de Arzúa, Xoán Xesús Carril; de Melide, Xosé Manuel Pérez; e de Santiso, Manuel Aldán, insisten na necesidade de adaptar o transporte público ás necesidades reais da poboación.
Non é a primeira vez que os tres concellos trasladan esta petición á Xunta de Galiza. En maio de 2025 recibiron unha comunicación na que se lles informaba de que a solicitude fora remitida ao Servizo de Mobilidade de Lugo, órgano responsable da conexión entre estes municipios e Santiago de Compostela.
Desde aquela comunicación, recibida o 20 de maio de 2025, os concellos aseguran que non volveron ter noticias sobre a tramitación da súa petición.
Os tres alcaldes consideran especialmente preocupante que, transcorrido máis dun ano, a Xunta non ofrecese ningunha explicación nin amosase interese por resolver unha demanda que afecta directamente ao acceso ao traballo e aos servizos sanitarios.
No escrito rexistrado, os rexedores solicitan á Dirección Xeral de Mobilidade que aclare cales son as dificultades técnicas, administrativas ou económicas que impiden ampliar as conexións existentes. Tamén reclaman información sobre os posibles estudos de viabilidade realizados e as medidas que ten previsto adoptar a Xunta para atender esta necesidade, así como os prazos para facelas efectivas.
Tres conexións diarias adaptadas aos horarios hospitalarios
A proposta trasladada á Xunta contempla tres servizos diarios de ida, con saídas desde Melide ás 6.45, 13.45 e 20.45 horas e paradas en Arzúa ás 7.00, 14.00 e 21.00 horas, respectivamente. Os concellos solicitan igualmente os correspondentes servizos de regreso desde os hospitais de Santiago.
Estes horarios buscan facilitar os desprazamentos do persoal sanitario e das persoas usuarias dos centros hospitalarios, especialmente nas franxas nas que as conexións actuais non permiten cubrir adecuadamente estas necesidades.
Desde os tres concellos insisten en que non resulta razoable que unha demanda xustificada por motivos laborais, sanitarios e sociais continúe sen unha resposta concreta por parte da Xunta de Galiza.
Os alcaldes defenden que a veciñanza de Arzúa, Melide e Santiso debe contar cos mesmos dereitos de acceso ao transporte público e á sanidade que a doutros municipios galegos. Consideran que o lugar de residencia non pode supoñer unha desigualdade no acceso a servizos públicos esenciais.
Por todo isto, reclaman á Xunta de Galiza que retome a tramitación da solicitude, dea unha resposta expresa aos tres concellos e estude con carácter prioritario a implantación das conexións propostas.