Arzúa volve converterse na capital da zanfona co único festival da Península dedicado a este instrumento

A zanfona volverá soar en Arzúa coa celebración da 22ª edición do Festival Internacional Zona da Zanfona (ZdZ). O municipio acolle por terceiro ano consecutivo esta cita, organizada por aCentral Folque co apoio do Concello de Arzúa e da Deputación da Coruña, que reunirá os días 22, 27, 28 e 29 de novembro intérpretes de diferentes procedencias arredor dun instrumento cunha longa historia na música tradicional galega e europea.
Desde a súa creación en 2005, a Zona da Zanfona converteuse nun espazo de encontro para músicos, profesionais e persoas interesadas neste instrumento. Trátase do único festival da Península Ibérica dedicado especificamente á zanfona, cunha programación que combina a recuperación do repertorio tradicional coas novas formas de interpretación e creación musical.
A nova edición foi presentada coa participación do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; Mauro Sanín, en representación de aCentral Folque; e Sol Agra, en representación da Deputación da Coruña.
Durante a presentación, Carril destacou a importancia de preservar e dar a coñecer a zanfona como parte do patrimonio cultural galego. «A zanfona é un instrumento cunha historia que forma parte da nosa identidade musical. Temos a responsabilidade de coidar ese legado, pero tamén de conseguir que siga vivo, que se coñeza e que as novas xeracións se acheguen a el».
O alcalde puxo tamén en valor a capacidade da música para conectar pobos e culturas. «A música é unha linguaxe que nos permite dialogar con outras culturas do mundo. Este festival é un bo exemplo: desde Arzúa podemos descubrir como un mesmo instrumento forma parte de tradicións musicais moi diferentes, compartir experiencias e aprender uns dos outros».
Neste sentido, Carril salientou que acoller novamente a Zona da Zanfona permite situar Arzúa como punto de encontro entre a tradición musical galega e as músicas doutras partes do mundo.
As músicas de Maroxo, protagonistas dunha proposta especial
Un dos momentos máis especiais desta edición chegará o venres 27 de novembro coa presentación de Músicas de Maroxo, unha proposta encargada expresamente polo festival ás intérpretes Beatriz Martínez e Teresa Gómez.
O espectáculo recuperará e reinterpretará pezas tradicionais recollidas na parroquia arzuá de Maroxo a Salomé Pardo, Gumersindo Agra e Julio Vázquez Carril, coñecido como Julio de Froilán, gaiteiro de San Miguel.
Esta iniciativa permitirá volver escoitar parte do patrimonio musical da parroquia e achegar ese repertorio a novos públicos a través da zanfona, conectando a memoria musical de Arzúa coa creación contemporánea.
Durante a presentación, Mauro Sanín destacou especialmente esta vinculación co territorio, xunto coa presenza de artistas internacionais e a gratuidade dos concertos, que permitirán que a veciñanza poida achegarse ás diferentes propostas musicais do festival.
Senín tamén fixo fincapé na importancia das actividades formativas, especialmente no curso de iniciación á zanfona, aberto a persoas de todas as idades e sen necesidade de coñecementos previos. Para facilitar a participación, a organización poñerá instrumentos á disposición de quen non dispoña dun propio.
Unha programación con concertos gratuítos, formación e divulgación
A 22ª edición da Zona da Zanfona comezará o domingo 22 de novembro, ás 11.00 horas, coincidindo coa tradicional Feira do 22 de Arzúa. O dúo As Sarandilleiras, formado por Leni Pérez e Pili Fernández, ofrecerá a actuación Cantares que rodan, que levará a música tradicional ao espazo da feira.
A programación continuará o venres 27 de novembro cunha xornada dedicada á formación e aos concertos.
Entre as 16.00 e as 19.30 horas desenvolveranse dous cursos: unha sesión de iniciación impartida por Óscar Fernández, con instrumentos dispoñibles para as persoas participantes, e unha clase maxistral a cargo do músico catalán Adrià Grandia, dirixida a intérpretes con experiencia.
Ás 20.30 horas, a Capela da Madanela acollerá dous concertos. O músico gascón Romain Baudoin presentará Impressionnisme musical, unha proposta que combina a tradición musical gascona coa experimentación contemporánea. A continuación, Beatriz Martínez e Teresa Gómez interpretarán Músicas de Maroxo, a encomenda especial desta edición dedicada ao patrimonio musical de Arzúa.
O sábado 28 de novembro, Romain Baudoin impartirá unha clase maxistral entre as 10.00 e as 18.30 horas.
Ese mesmo día, ás 19.00 horas, a Casa de Correos acollerá o Foro ZdZ, cunha palestra do musicólogo Xavier Groba titulada Casto Sampedro e a zanfona, dedicada á relación do folclorista de Redondela con este instrumento.
A xornada rematará ás 20.30 horas na Capela da Madanela con outras dúas actuacións. O Martín Blanes Jazz 4tet presentará Oestrymnia, unha proposta que explora a relación da zanfona co jazz, mentres que Adrià Grandia ofrecerá o seu novo traballo musical, Gràcies.
O domingo 29 de novembro, ás 12.00 horas, a Casa da Cultura será o escenario da clausura do festival cun novo encontro das Escolas Galegas de Zanfona. Esta actividade reunirá alumnado e intérpretes arredor do traballo que se desenvolve nas escolas para garantir a continuidade e a transmisión deste instrumento ás novas xeracións.
Todos os concertos serán de entrada libre ata completar a capacidade dos espazos.
As persoas interesadas en participar nos cursos poden consultar a información e formalizar a súa inscrición na páxina web oficial do festival.