As axudas a produtos culturais en galego impulsarán 60 entidades para lanzar 331 libros

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza así no cumprimento das medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento de Galicia por unha ampla maioría dos grupos
libros-leer-letras-galegas-biblioteca
9 Nov 2026

A Xunta de Galicia impulsa a distribución de produtos culturais en galego cunha liña de axudas dotada con 350.000€ e destinada a colaborar coa produción editorial literaria. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia, onde se inclúe que esta subvención para os anos 2026 e 2027 permite apoiar o traballo de 60 entidades para o lanzamento de 331 libros, audiolibros e volumes de lectura fácil, garantindo así a accesibilidade á lingua en diversos formatos.

Con esta resolución, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza no cumprimento das medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento de Galicia por unha ampla maioría dos grupos con representación na Cámara. Deste xeito, procúrase unha mellora do uso da lingua no eido das industrias e infraestruturas culturais no marco das 50 medidas que se están poñendo en marcha nos primeiros 100 días desde a aprobación do documento.

Tal e como se recolle na publicación, a través desta convocatoria facilítase a saída ao mercado de 331 libros entre os que se inclúen 15 audiolibros e 12 libros de lectura fácil en galego. Priorízanse, deste xeito, proxectos que incorporan a innovación tecnolóxica para chegar a unha maior poboación no fomento da lectura e no uso do galego, en liña tamén coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Cómpre lembrar que esta liña serviu para unificar nunha mesma convocatoria as que anteriormente se repartían en tres subvencións diferenciadas, na procura dunha maior eficacia, axilidade e optimización de recursos. O obxectivo é o de acompañar nas súas demandas e apoiar o sector editorial nos gastos derivados da produción, distribución e comercialización das publicacións.

1.5090479850769