As axudas da Xunta apoiarán as carreiras musicais de 12 artistas e grupos de Galicia con 150.000 euros

A Xunta de Galicia resolveu a concesión da liña de axudas para proxectos musicais, a través da que contribúe ao impulso das carreiras de 12 artistas e grupos de Galicia cun investimento total de 150.000 euros. Os proxectos subvencionados corresponden a iniciativas de creación, produción, promoción e difusión musical vinculadas a Catuxa Salom, Caamaño&Ameixeiras, Pava, Untovello, Montedapena, Santi Araújo, The Rapants, Monoulious DOP, Felisa Segade, Taïn, O Xoán e Dani Cornes.
O obxectivo desta convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xestionada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, é contribuír ao desenvolvemento do talento musical galego e consolidar a cadea de valor desta industria cultural. Deste xeito, favorécese a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización das carreiras artísticas, co foco posto tamén no uso das novas tecnoloxías e na dixitalización.
Inclúense nestas subvencións son empresas e profesionais do management artístico ou da edición fonográfica que traballan no impulso ou na consolidación das carreiras dos devanditos artistas e bandas. As achegas concedidas en contías que podían acadar os 15.000 euros por proxecto destínanse a gastos relacionados coa imaxe de marca, estudos de mercado, estratexias de posicionamento, lanzamento de novos produtos musicais, promoción, gravación ou distribución discográfica.
Os proxectos seleccionados abranguen distintos estilos e fórmulas de creación musical. Catuxa Salom desenvolve unha proposta que combina folk, canción de autora e sonoridades contemporáneas, mentres que o dúo formado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, Caamaño&Ameixeiras, traballa a partir da relación entre a música tradicional e as linguaxes actuais, cunha traxectoria que inclúe actuacións fóra de Galicia.
Pava sitúase no ámbito do pop alternativo e do indie, cun proxecto no que a música se acompaña dunha identidade visual propia. Untovello parte da tradición galega para desenvolver un traballo de experimentación sonora que incorpora ritmos populares e recursos contemporáneos. Pola súa banda, Montedapena presenta unha proposta de pop electrónico na que as letras empregan a ironía e o humor para abordar cuestións persoais e colectivas.
O pop independente e a canción de autor están presentes no proxecto do músico vigués Santi Araújo, que conta con varios traballos publicados. The Rapants sitúase no ámbito do rock en galego e vén desenvolvendo a súa actividade en festivais e salas, mentres que Monoulious DOP combina rock, funk, humor e sátira en lingua galega.
Felisa Segade traballa entre a canción de autora e o folk, cun repertorio centrado na interpretación vocal e na construción narrativa das letras. Taïn combina pop, electrónica e música urbana, e o proxecto de O Xoán, desenvolvido polo actor e músico Xoán Fórneas, céntrase no pop electrónico e no alt-pop en galego. Dani Cornes completa a relación de artistas apoiados cunha proposta de pop-rock de autor e un novo traballo discográfico en desenvolvemento.
A concesión destas subvencións resolveuse en réxime de concorrencia competitiva a partir da valoración das traxectorias das empresas e das formacións musicais para as que se solicitaba a axuda, así como do uso do galego, a presenza feminina en postos relevantes dos proxectos e criterios vinculados á sustentabilidade, igualdade, diversidade e accesibilidade.
Esta medida dálle continuidade á fórmula posta en marcha en 2025 para acompañar as carreiras musicais de xeito integral, incidindo nas distintas fases do proceso profesional: creación, produción, promoción e difusión. Na pasada edición apoiaronse proxectos de A Banda da Loba, Alana, Crúas, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Filloas, Grande Amore, Leticia Rey, Marcos Coll, Mondra, Pablo Sanmamed e Sabela.
Estas subvencións conectan con outras convocatorias e accións da Axencia Galega das Industrias Culturais dirixidas ao sector musical, como as axudas á contratación de grupos galegos nos festivais e nas salas de concertos privadas, así como a presenza da música nos circuítos da Rede Galega de Teatros e Auditorios e Cultura no Camiño ou a organización compartida coa Asociación Galega de Empresas Musicais de PALCO, o novo gran encontro da industria musical galega que terá lugar en novembro.
A Xunta reforza así o seu apoio ao talento musical galego, tanto no ámbito da creación e produción como na difusión, promoción e desenvolvemento profesional dos proxectos, contribuíndo á consolidación dun sector cada vez máis diverso, competitivo e conectado cos públicos.