As Catas de Galicia premiaron dez mostras de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

A participación dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nas Catas de Galicia foi dun total de 29 mostras de diferentes tipos de destilados galegos de calidade procedentes de 10 empresas. Das cales, 10 resultaron galardoadas.
Os expertos degustaron as características de 29 mostras pertencentes ás Indicacións Xeográficas Augardente de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia. O xurado, que realizou a cata ás cegas, estivo composto por cinco catadores pertencentes ao panel de cata interno do Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e dous externos, creados para a ocasión.
Estes foron: Xavier Castro, técnico en viticultura e enólogo; Sonia García Durán, Mellor Camareira de España 2026 e campioa de coctelaría; María Sineiro Fontenla, directora técnica e xerente de Lagar de Besada; Cristina Carrera Carrera, enxeñeira agrícola e asesora en Agrovitis; José M. Martínez Matos, con máis dunha década á fronte da vinoteca O Beiro; Diego Mosquera Miramontes, vicepresidente da Asociación Galega de Barmen e campión de España no LXIX Campionato de Coctelaría; e Sandra Cortés Diéguez, membro do panel de cata.
Os expertos estiveron acompañados durante a sesión de cata, celebrada no Pazo de Quián, pola presidenta do Consello Regulador, Sonia Otero. Estes trasladáronlle a “alta calidade” dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, así como a ampla variedade de matices das mostras.
Desde o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia agradeceron a participación do panel de expertos, así como o apoio da AGACAL por organizar este certame. Un evento que contribúe a poñer o foco na importancia e no valor dos destilados con indicativo de calidade e orixe.
Gañadores
Augardente de Galicia I.X.: Pote de Ouro: Fonte do Frade (Pazo de Valdomiño, SA), Pote de Prata: Vedra do Ulla (Aguardientes de Galicia, SA) e Pote de Bronce: Meu Ceo (Orujos e Licores Augavella, SL).
Augardente de Herbas de Galicia: Pote de Ouro: Tamtum (Orujos e Licores Augavella, SL).
Licor de Herbas de Galicia I.X.: Pote de Ouro: Pazo Valdomiño (Pazo de Valdomiño, SA). Pote de Prata: Lúa de Costeira (Viña Costeira, SCG). Pote de Bronce: Tamtum (Orujos e Licores Augavella, SL).
Licor Café de Galicia I.X.: Pote de Ouro: Abadía da Cova (Adegas Moure, SA). Pote de Prata: Tamtum (Orujos e Licores Augavella, SL). Pote de Bronce: Lúa de Costeira (Viña Costeira, SCG).