As Comunidades de Montes reclaman cambios no anteproxecto da Lei de loita contra os incendios forestais

A entidade defende que a lei debe centrarse na procura de solucións a un problema estrutural e recorrente como son os incendios forestais, en lugar de priorizar as medidas punitivas
incendios-bombeiros-forestais-galicia
20 Oct 2026

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) presentou ante a Consellería do Medio Rural unha impugnación procedemental e un paquete de alegacións e emendas ao Anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia. A entidade solicita a suspensión e retroacción do procedemento pola ausencia do trámite preceptivo de información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) e reclama unha modificación profunda dunha norma que cualifica de "profundamente punitiva, inxusta e incoherente".

A organización considera que o texto presenta unha importante contradición xurídica e un desequilibrio territorial, xa que clasifica as medidas e faixas de protección como infraestruturas públicas de utilidade pública e protección civil, pero atribúe a súa execución e o seu custo ás persoas propietarias e ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC). Segundo denuncia, esta responsabilidade recae sobre elas baixo a ameaza de sancións, execucións subsidiarias ou mesmo a expropiación dos terreos. Por iso, defende que a lei debe centrarse na procura de solucións a un problema estrutural e recorrente como son os incendios forestais, en lugar de priorizar as medidas punitivas.

Unha das principais reclamacións da ORGACCMM é a impugnación do procedemento pola falta de información pública no DOG. A entidade denuncia que a Xunta deu por cumprida a participación cidadá mediante unha consulta previa realizada antes da redacción do borrador, sen abrir posteriormente un trámite de audiencia pública sobre os 130 artigos do texto definitivo. Ao seu xuízo, esta omisión podería constituír un vicio de nulidade ao abeiro do artigo 47.1.e da Lei 39/2015.

En materia de financiamento, a organización reclama que a Administración asuma o custo da execución e do mantemento das faixas de protección, ao seren consideradas infraestruturas públicas de protección civil. Como alternativa, propón a formalización de convenios directos e plurianuais coas comunidades de montes, dotados do correspondente financiamento orzamentario.

A ORGACCMM tamén pide blindar a propiedade veciñal fronte a posibles expropiacións ou cesións ao Banco de Terras derivadas de débedas por traballos de limpeza. Para iso, solicita incorporar unha cláusula de salvagarda que teña en conta o carácter colectivo, inalienable, inembargable, imprescritible e indivisible dos montes veciñais en man común, conforme á normativa que regula este tipo de propiedade.

Outro dos puntos das emendas céntrase no papel de Seaga. A entidade propón eliminar o seu uso como instrumento coercitivo de cobro e orientar a súa actividade cara á execución de obras públicas preventivas e á xestión cautelar, estritamente transitoria, dos montes que non conten cunha comunidade de propietarios constituída.

No ámbito da investigación dos incendios, a organización propón crear o Observatorio Galego de Xestión do Territorio e Incidencia de Lumes do Territorio, co obxectivo de realizar diagnósticos técnicos sobre as causas dos incendios e elaborar informes periciais obrigatorios para a Fiscalía de Medio Ambiente e os tribunais. A iniciativa incluiría tamén a publicación de datos abertos mediante sistemas de información xeográfica (GIS).

As emendas abranguen igualmente as infraestruturas enerxéticas. A ORGACCMM reclama a creación dun rexistro público dos incendios orixinados por liñas eléctricas, vías férreas ou parques eólicos e solares, no que se identifique a empresa titular das instalacións. Ademais, propón avanzar progresivamente cara ao soterramento do cableado.

A organización defende tamén a incorporación da cultura preventiva nos currículos escolares de Educación Primaria e ESO, con contidos relacionados coa prevención dos incendios, o monte veciñal e os servizos ecosistémicos, como a conservación da auga, do solo e da biodiversidade.

En canto á participación cidadá, reclama que se garanta a información pública no DOG e que as asembleas xerais das comunidades de comuneiros emitan informes preceptivos durante a elaboración e revisión do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLIFOGA), así como dos plans preventivos municipais e de distrito.

A ORGACCMM considera imprescindible que as comunidades de montes participen directamente na elaboración das políticas de prevención e reclama á Xunta a apertura dunha mesa de diálogo. "Non se pode criminalizar a propiedade veciñal nin as vítimas dos incendios. A Xunta debe entender que sen o recoñecemento e a participación directa das Comunidades de Montes é imposible construír un territorio resiliente fronte aos grandes incendios", sinala a entidade, que insiste na necesidade de publicar o trámite de información pública no DOG antes de continuar coa tramitación parlamentaria.

0.36349105834961