As estatuas do Mestre Mateo permanecerán de forma definitiva no Museo do Pobo Galego

Goretti Sanmartín fixo un balance do curso político, no que destacou que a decisión foi adoptada tras un proceso de reflexión no que participaron persoas expertas, institucións e organizacións
estatua-mestre-mateo
31 Jul 2026

As estatuas do Mestre Mateo recuperadas polo Concello de Santiago tras un longo proceso xudicial permanecerán de forma definitiva no Museo do Pobo Galego. Así o anunciou este venres a alcaldesa, Goretti Sanmartín, durante o balance do curso político, no que destacou que a decisión foi adoptada tras un proceso de reflexión no que participaron persoas expertas, institucións e organizacións, ademais da celebración dunhas xornadas abertas.

Segundo explicou a rexedora, a elección do Museo do Pobo Galego responde á vontade de garantir unha interpretación das esculturas que combine o seu valor histórico e artístico coa memoria do espolio sufrido e do proceso que permitiu a súa recuperación. Sanmartín definiu este espazo, de titularidade municipal, como aquel que “todo o mundo entende como o museo nacional de Galicia”.

A alcaldesa aproveitou a comparecencia para facer balance dun curso político que cualificou de “obxectivos conseguidos”, asegurando que o Goberno municipal remata esta etapa “con moitos deberes feitos”.

Entre os principais avances destacou a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, aprobada esta semana polo Ministerio de Vivenda e que terá unha vixencia de tres anos. Sanmartín defendeu esta medida como unha ferramenta prioritaria para actuar sobre o mercado da vivenda e conter o incremento dos prezos do alugueiro, ao tempo que lembrou que o Concello xa aprobou un plan de medidas correctoras para o período 2026-2029.

Neste ámbito, anunciou tamén a colaboración co Consorcio de Santiago para adquirir e rehabilitar edificios residenciais situados na Cidade Histórica. O organismo asumirá a redacción dos proxectos e a execución das obras dos inmobles que adquira o Concello, cun investimento inicial de tres millóns de euros destinado a ampliar o parque público de vivenda en alugueiro e recuperar edificios actualmente baleiros.

Outro dos fitos salientados foi a posta en funcionamento do Centro Loxístico de Distribución de Mercadorías, xa entregado a Mercagalicia tras un investimento de 5,8 millóns de euros financiado con fondos Next Generation. O centro iniciará agora a súa actividade cunha empresa operadora de loxística e, segundo destacou a alcaldesa, situará Compostela como unha referencia neste tipo de proxectos vinculados ás zonas de baixas emisións.

Sanmartín tamén puxo en valor a recente constitución do Foro de Turismo Sustentable, un órgano de participación que desenvolverá as funcións previstas na normativa autonómica sobre o imposto das estadías turísticas e que pretende converterse nun espazo permanente de diálogo para avanzar cara a un modelo turístico máis sustentable e de maior calidade.

No ámbito das comunicacións, a rexedora destacou o reforzo da conectividade internacional do aeroporto Rosalía de Castro coa apertura dunha nova base de Wizz Air a partir do 1 de febreiro e coa incorporación de novas rutas directas con Roma e Varsovia.

Por último, subliñou a adxudicación do novo contrato do transporte urbano, que permitirá renovar o servizo, incorporar unha nova identidade visual e mellorar a información ofrecida ás persoas usuarias.

0.23802995681763