As familias do CEIP Ortigueira reclaman un/ha PT a tempo completo ante a falta de apoios educativos

A ANPA denuncia a perda de recursos desde setembro e alerta de que a situación compromete a inclusión do alumnado.
Anpa
15 Apr 2026

A comunidade educativa do CEIP Ortigueira celebrou este luns unha reunión para visibilizar a falta de recursos de apoio no centro e reclamar a incorporación dun/ha especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) a tempo completo, que consideran imprescindible para garantir unha inclusión real do alumnado.

A ANPA do centro, que representa á práctica totalidade das familias, lembra que segundo datos do propio colexio un 6% do alumnado presenta necesidades educativas especiais (NEE) graves e permanentes, mentres que un 19% ten necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

As familias denuncian que desde o pasado mes de setembro o centro comparte o/a especialista de Pedagoxía Terapéutica co CRA Boqueixón-Vedra, perdendo así a dispoñibilidade a tempo completo coa que contaban o curso anterior. “Non é unha cuestión de comodidade para o profesorado; é unha cuestión de xustiza educativa”, sinalan.

Neste sentido, advirten de que a falta de recursos dificulta a atención adecuada ao alumnado con maiores necesidades, comprometendo o seu dereito a unha educación de calidade e en igualdade de condicións.

Desde a ANPA subliñan que esta situación non é un caso illado, senón que afecta a numerosos centros públicos de Galicia, onde tamén se están a producir mobilizacións e protestas pola falta de persoal de apoio.

As familias fan un chamamento ás administracións para que adopten medidas urxentes que garantan os recursos necesarios e permitan unha atención educativa inclusiva e de calidade.

0.34807801246643