As familias monoparentais galegas manterán os seus beneficios coa entrada en vigor do novo título estatal

Rueda alerta de que o certificado estatal, que se poderá solicitar desde o 1 de xaneiro, é máis restritivo que o autonómico e deixaría fóra “a 7.000 fogares galegos”
familia-monoparental-escolar-colexio-alumno
23 Nov 2026

O presidente da xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico “vai manter o actual certificado galego de familias monoparentais” para que estes fogares “conserven as mesmas vantaxes e beneficios que ata agora”, cando entre en vigor o novo título estatal. Deste xeito, a Xunta protexe ás familias quedarían fóra coa nova regulación do Goberno central.

O Consello tomou conta hoxe da tramitación do novo procedemento para a obtención do título de familia monoparental con validez en toda España, que estará habilitado a partir do próximo 1 de xaneiro de 2027. Desde esta data, calquera familia monoparental que cumpra os requisitos establecidos polo real decreto lei aprobado polo Goberno central poderá solicitar o recoñecemento estatal.

Tal e como explicou Rueda, trátase “dun certificado máis restritivo” que o que expide a Xunta, e que “deixaría fóra a máis de 7.000 familias” que agora teñen o título autonómico.  A nova normativa estatal non inclúe ás familias en que a garda e custodia é exclusiva dunha persoa proxenitora cando esta ten dereito a percibir anualidades para a manutención dos descendentes. Esta situación na cal un pai ou nai queda a cargo dos fillos sen que haxa custodia compartida dáse no 70 % dos casos das familias galegas con certificado de monoparentalidade e todos eles quedarían sen beneficios co título do Goberno central.

O novo título de familia monoparental con validez nacional tampouco recoñece expresamente as familias formadas por un cónxuxe viúvo e os seus fillos e tampouco recoñece a asimilación a descendente do concibido non nado.

Dado que este novo título terá un alcance distinto ao que emite a Xunta, e co fin de garantir que estas familias continúen desfrutando dos dereitos adquiridos e das situacións consolidadas na nosa comunidade, o Executivo galego manterá o certificado autonómico. En consecuencia, as familias con este certificado poderán seguir accedendo a todos os beneficios que outorga a Administración galega. É dicir, todas estas familias seguirán dispoñendo do certificado da Xunta, de xeito automático, sen facer ningún trámite.

Segundo abondou o presidente, as máis de 10.300 familias con certificado de monoparental recoñecido polo Goberno galego dispoñen de medidas de apoio en ámbitos como a educación, a conciliación, a vivenda, a inclusión social ou a fiscalidade.

No aspecto educativo, os beneficios consisten na puntuación adicional no baremo para a adxudicación de prazas e a redución nas tarifas de comedor nas escolas infantís públicas de 0 a 3 anos e na preferencia na admisión desde o segundo ciclo de educación infantil ata bacharelato en centros sustentados con fondos públicos.

En canto ao relativo á conciliación, o certificado galego dá preferencia nas quendas do programa da Xunta Vacacións Familiares e nas residencias xuvenís dependentes da Xunta, bonifica os campamentos xuvenís organizados polo Goberno autonómico, outorga puntuación adicional no baremo para o acceso as casas niño e amplía a axuda no Bono Concilia Familia.

Ademais, a condición de familia monoparental dá acceso a programas específicos que facilitan o acceso ao mundo laboral, tense en conta no acceso á Risga e ás axudas de inclusión social e inclúe unha rebaixa fiscal no imposto á compra de vivenda.

1.2357981204987