As familias numerosas galegas xa poden descargar un certificado oficial do seu título desde Xunta.eu

Con esta modificación, poderán dispoñer ao momento deste documento en papel de xeito totalmente gratuíto
certificado-familia-numerosa
28 Sep 2026

A Xunta facilita desde esta fin de semana a todas as familias numerosas a posibilidade de descargar desde a aplicación Xunta.eu o certificado oficial do título de xeito totalmente gratuíto. O obxectivo é reducir a carga burocrática e axilizar calquera procedemento administrativo.

Ata o de agora, as familias numerosas xa dispoñen do seu título oficial en formato tarxeta e tamén do título en formato dixital, a través da aplicación Xunta.eu. Agora, o Goberno galego pon á súa disposición esta modificación que lles permite telo tamén no seu dispositivo telefónico en formato papel, coa mesma validez que o título oficial.

Isto responde ás demandas das propias familias, que en ocasións precisan dispoñer dunha copia oficial do seu título para realizar diversos trámites diante doutras administracións ou entidades. Na actualidade, máis de 32.700 familias en Galicia dispoñen do título oficial de familia numerosa.

O Goberno galego apoia ás familias numerosas tanto a través de beneficios fiscais e axudas económicas, como tamén aliviando a carga burocrática á que se enfrontan para solicitar o título de familia numerosas. Ademais, a Xunta ampliou a vixencia deste título ata que o fillo maior cumpre os 26 anos de idade, evitando as renovacións anuais que tiñan que realizar as familias.

0.37140703201294