As máis de 500 árbores plantadas por ADEGA nos montes queimados de Valdeorras medran en boas condicións

A vida comeza a abrirse paso nos montes de Valdeorras arrasados polos incendios forestais do ano pasado. As máis de 500 árbores froiteiras e de ribeira plantadas polo voluntariado de ADEGA durante a pasada primavera presentan, na súa maior parte, unha evolución favorable, a pesar das condicións adversas provocadas pola seca e polo estado dos solos queimados.
Persoal técnico de ADEGA desprazouse a pasada semana ás zonas da comarca nas que se desenvolveron os traballos de restauración para comprobar a evolución das plantacións realizadas o pasado mes de abril. A asociación puido constatar que a maioría das árbores sobreviviron e presentan un bo estado. Mesmo algúns exemplares que inicialmente parecían secos, como varios salgueiros, comezaron a desenvolver novos brotes.
Salgueiros, ameneiros, pradairos, freixos e cancereixos forman xa parte da paisaxe destes terreos afectados polo lume e representan, segundo ADEGA, un sinal de recuperación fronte á desolación que deixaron os incendios. Co tempo, os froitos destas árbores contribuirán tamén á recuperación e rexeneración natural dos espazos afectados.
A plantación desenvolveuse entre os días 7 e 10 de abril no marco do Proxecto Ríos, a través dun campo de voluntariado destinado a promover o coidado do medio natural e a participación da mocidade en actividades ambientais. A iniciativa contou co financiamento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras.
Nos traballos participou alumnado procedente de Madrid, concretamente do IES Alto Jarama de Torrelaguna. Unha trintena de estudantes de cuarto da ESO e de FP Básica en Aproveitamentos Forestais, de entre 15 e 17 anos, acudiron acompañados polo profesorado e colaboraron coa veciñanza en diferentes puntos do concello, entre eles San Vicente de Leira e a contorna do río Leira.
Esta non foi a primeira intervención de ADEGA na comarca tras os grandes incendios forestais. En outubro de 2025, unhas 70 persoas voluntarias procedentes de distintos puntos de Galicia actuaron en cinco zonas de Valdeorras co obxectivo de frear a erosión dos solos e as escorrentías e recuperar canto antes os servizos ecosistémicos afectados polo lume. Naquela intervención aplicáronse máis de 17.500 metros cadrados de mulching, mediante o espallado de palla, e instaláronse 18 trampas de sedimentos para reducir a perda de biodiversidade e os danos sobre o solo.
ADEGA reclama agora unha maior implicación das administracións na recuperación dos terreos queimados. A organización ecoloxista critica que a Xunta aplicase medidas de restauración ambiental só no 0,16% da superficie queimada en 2025, o que, segundo os seus datos, equivale a menos de 200 das 118.966 hectáreas afectadas.
A asociación considera que a experiencia do seu voluntariado demostra a capacidade que existe para ampliar os traballos de recuperación dos montes. Entre outubro de 2025 e abril de 2026, ADEGA asegura ter intervido en máis de 120 hectáreas, tanto en Valdeorras como na aldea do Sexo, en Santiso.
Neste contexto, a entidade reclama á Xunta plans de recuperación a longo prazo, dotados de orzamento suficiente, así como medidas de choque para protexer, restaurar e rexenerar os terreos afectados polos incendios. ADEGA considera que a resposta debe ir máis alá das actuacións puntuais e combinar medidas de prevención, restauración, seguimento e sensibilización.
A organización defende tamén a creación dun voluntariado galego en defensa do monte, coordinado e con actividade durante todo o ano, que poida participar non só en labores de retención do solo, control da erosión e das escorrentías, senón tamén na restauración hidrolóxica e da flora e fauna, así como nas tarefas de seguimento, vixilancia, prevención e concienciación da poboación.
Para ADEGA, a recuperación das máis de 500 árbores plantadas en Valdeorras evidencia que, mesmo despois da devastación provocada polo lume, existen posibilidades de recuperación dos ecosistemas se se acompañan con actuacións continuadas e adecuadamente planificadas.