As Malvinas pechan de inmediato a campaña do calamar na que faenan 16 arrastreiros galegos

A escaseza do recurso e o descenso da biomasa detectado polos biólogos obrigaron a suspender a actividade no caladoiro ata 2027
Imaxe das luras no acuario da Coruña
27 Aug 2026

O Goberno das Illas Malvinas decretou o peche inmediato do caladoiro no que operan 16 arrastreiros conxeladores de capital galego dedicados á captura de lura patagónica (Loligo), poñendo así fin antes do previsto á segunda campaña de pesca do ano.

A situación xa viña marcada pola preocupación no sector desde o inicio da campaña. Poucos días despois de comezar a actividade, os buques detectaron unha importante escaseza de recurso na zona, o que levou as autoridades das Malvinas a establecer un primeiro peche temporal de 15 días.

Durante ese período, parte da frota puido manter a actividade grazas a outras licenzas para a captura de diferentes especies e desprazándose a outros caladoiros. Outros buques, pola contra, tiveron que permanecer parados ante a falta de alternativas.

Agora, unha vez rematado ese período de interrupción, os biólogos das Malvinas que realizan o seguimento da actividade pesqueira a bordo dos propios buques galegos constataron un novo e significativo descenso da biomasa. Este dato levou ás autoridades a ordenar o peche inmediato do caladoiro, que permanecerá inactivo ata 2027.

A campaña do calamar nas Malvinas distribúese habitualmente en dúas quendas ao longo do ano. A de verán adoita comezar a finais de xullo e prolongarse ata o 30 de setembro, mentres que a campaña de inverno arrinca normalmente a finais de febreiro. Neste caso, a escaseza de recurso impediu que a quenda estival puidese desenvolverse con normalidade.

0.28903102874756