As Medallas Castelao recoñecen o talento galego con Adrián Ben como referente lucense

O atleta mariñán Adrián Ben foi un dos protagonistas da entrega das Medallas Castelao 2026, unha das máximas distincións institucionais de Galicia. O acto celebrouse este domingo en Santiago de Compostela e contou coa presenza de representantes institucionais, entre eles o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López.
A presidenta provincial felicitou aos galardoados e destacou especialmente o recoñecemento ao deportista de Viveiro, ao que definiu como un dos grandes embaixadores deportivos de Galicia e un exemplo de perseveranza, talento e orgullo para A Mariña e para toda a provincia de Lugo.
Carmela López subliñou que a traxectoria de Adrián Ben é motivo de orgullo colectivo, tanto polos seus éxitos internacionais como pola súa forma de competir e pola súa vinculación permanente co territorio.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, tamén puxo en valor as traxectorias das persoas e entidades distinguidas, destacando a súa contribución a construír un país mellor e a levar o nome de Galicia polo mundo.
As Medallas Castelao 2026 recoñeceron tamén á científica Mar Capeáns, ao músico Esteban Batallán, á empresaria María Barallobre e á Fundación Andrea, nunha edición que puxo o foco na ciencia, a cultura, o deporte, a economía e a acción social.