As Medallas de Ouro de Galicia recoñecen o papel das mulleres da diáspora galega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu este venres na Cidade da Cultura o acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2026, unha edición dedicada ás mulleres da diáspora galega co obxectivo de recoñecer a súa contribución á sociedade e saldar, segundo afirmou, unha “débeda histórica” con quen mantiveron vivo o vínculo con Galicia desde o exterior.
As galardoadas foron a empresaria arxentina de orixe galega Claudia Álvarez Argüelles, a fiscala xefa de Menores do cantón suízo de Argovia, Beatriz Gil Fernández, a xornalista venezolana Carla Angola Rodríguez e a odontóloga e investigadora brasileira Camila Fernández.
Durante a súa intervención, Rueda destacou que a emigración galega tivo un marcado protagonismo feminino e subliñou que miles de mulleres sostiveron familias, empresas e entidades galegas en numerosos países. O presidente apelou tamén á importancia da diáspora como unha das grandes fortalezas de Galicia e definiu aos galegos no exterior como “embaixadores” da comunidade.
O xefe do Executivo galego reivindicou unha Galicia aberta e integradora, lembrando que nos últimos anos a comunidade gañou poboación grazas á chegada de novos residentes. Ao mesmo tempo, defendeu que esa integración debe basearse tanto nas oportunidades como no compromiso coa sociedade de acollida.
Na súa intervención, Rueda puxo en valor a traxectoria profesional das catro premiadas. Da empresaria Claudia Álvarez destacou o seu liderado no sector hoteleiro en Arxentina; de Beatriz Gil, a súa vocación de servizo público en Suíza; de Carla Angola, a defensa dos valores democráticos desde o xornalismo; e de Camila Fernández, o seu percorrido académico e empresarial no Brasil.
As homenaxeadas agradeceron o recoñecemento lembrando as historias de emigración das súas familias e reivindicando a identidade galega como parte esencial das súas vidas. Todas coincidiron en destacar o esforzo das xeracións que abandonaron Galicia para buscar un futuro mellor e mantiveron vivo o seu vínculo coa terra de orixe.
O acto contou coa presenza de representantes institucionais, políticos e sociais e estivo amenizado pola actuación musical da cantante Belém Tajes.