As novas normas de tráfico que chegan en outubro: do carril de emerxencia ao casco dos patinetes

A reforma do Regulamento Xeral de Circulación entra en vigor o 1 de outubro con novas obrigas para os usuarios, como os condutores de coches, motos, bicicletas e patinetes, entre outros
DGT Portada
20 Sep 2026

O mapa da mobilidade en España cambiará a partir do vindeiro 1 de outubro de 2026. Ese día entrará en vigor o Real Decreto 518/2026, que modifica o Regulamento Xeral de Circulación máis de vinte anos despois da súa aprobación e introduce novas regras para condutores, motoristas, ciclistas, usuarios de patinetes e peóns. A reforma pon o foco na seguridade de quen presenta un maior risco de sufrir lesións en caso de accidente e, ao mesmo tempo, incorpora un novo marco específico para a circulación nas cidades.

A reforma chega, ademais, nun momento no que os vehículos de mobilidade persoal (VMP) se converteron nun elemento habitual dos nosos desprazamentos. Luís Novoa Fernández, presidente da Asociación de Autoescolas de Ourense, considera que a regulación avanza na dirección que reclamaba o sector, aínda que bota en falta un paso máis: unha formación básica obrigatoria para quen conduce estes vehículos. 'Non estamos a falar de implantar un exame, senón algo mínimo para coñecer certos elementos de seguridade viaria, normas e sinais, porque comparten a vía co resto de usuarios', explica.

Cambios para coches e condutores

Os condutores de turismos, furgonetas, camións e outros vehículos a motor terán que adaptarse a varias novidades a partir do 1 de outubro. Unha das máis relevantes afecta ás retencións en autoestradas e autovías, onde será obrigatorio formar un carril de emerxencia cando a circulación quede detida ou avance a unha velocidade moi reducida. Os vehículos deberán apartarse cara aos extremos da calzada para deixar libre un corredor destinado ao paso de ambulancias, bombeiros, Garda Civil e outros servizos de emerxencia.

Nas vías con dous carrís por sentido, os vehículos desprazaranse cara aos seus respectivos lados, mentres que nas de tres ou máis carrís os do carril esquerdo apartaranse cara á esquerda e o resto cara á dereita. Este espazo debe habilitarse de forma preventiva e non esperar a que se aproxime a sirena dun vehículo prioritario.

A reforma tamén endurece as condicións para adiantar determinados usuarios e vehículos inmobilizados. Cando un condutor teña que adiantar unha bicicleta, ciclomotor, patinete ou peón, deberá manter unha separación lateral mínima de 1,5 metros.

No caso do adiantamento a ciclistas en vía interurbana, deberá ademais reducir a velocidade en polo menos 20 km/h respecto ao límite máximo da vía e, cando a calzada teña máis dun carril por sentido, realizar un cambio completo de carril. Para adiantar un vehículo inmobilizado por avaría, accidente, auxilio ou mantemento, deberá manter tamén unha separación de polo menos 1,5 metros e reducir a velocidade en 20 km/h respecto ao límite da vía.

'Con respecto á distancia entre coche e bicicleta segue sendo metro e medio, pero agora se introduce a obriga de reducir a velocidade 20 km/h ao adiantar', sinala Luís Novoa.

En situacións de neve adversa en autoestradas e autovías, quedará prohibido adiantar. Deberase circular polo carril dereito (ou o contiguo se hai tres ou máis carrís), deixando libres os da esquerda para quitaneves e emerxencias.

Así mesmo, a regulación dos carrís VAO limita o seu uso a motocicletas, turismos e vehículos mixtos adaptables, excluíndo ciclos, ciclomotores, VMP, peóns e remolques. Por último, revísanse as exencións ao uso do cinto de seguridade e desaparecen algunhas das que existían ata agora, entre elas as que afectaban determinados profesionais, como os condutores de taxis en servizo e os profesores de autoescola durante as clases.

'O cinto salvavidas é indiscutible', apunta Novoa, quen aclara un detalle clave para os futuros condutores: 'A entrada en vigor deste regulamento non supón un novo exame teórico; os test iranse actualizando progresivamente nas autoescolas, pero o exame segue sendo igual'.

Cambios para motos e ciclomotores

Os motoristas deberán prestar especial atención ao seu equipamento a partir do 1 de outubro. Tanto condutores como pasaxeiros de motocicletas e ciclomotores deberán utilizar calzado pechado que cubra completamente o pé en calquera tipo de vía. Nas vías interurbanas, as luvas de protección serán obrigatorias para condutores e pasaxeiros, aínda que as especificacións técnicas definitivas dependerán dunha futura orde ministerial. Ata que esta entre en vigor, utilizaranse luvas de protección das mesmas características que as actuais.

O casco queda suxeito a unha regulación máis rigorosa. Nas motocicletas esíxese a homologación conforme ao Regulamento UNECE R22. Para os ciclomotores esíxese este mesmo estándar homologado UNECE R22, aínda que a norma establece un período transitorio de adaptación ata o 1 de outubro de 2027.

Como novidade destacada nas retencións, as motocicletas poderán circular pola beiravía dereita en tramos previamente habilitados e sinalizados cando o tráfico estea completamente detido. Esta manobra deberá realizarse en fila de a un, a unha velocidade máxima de 30 km/h e cedendo o paso se un peón ou vehículo avariado necesita a beiravía.

En materia de visibilidade, as motos deberán incluír un chaleco reflectante na súa dotación obrigatoria para utilizalo ao baixar do vehículo en vías interurbanas (sendo obrigatorio levalo posto durante a marcha para repartidores profesionais).

Por último, autorízanse legalmente os dispositivos sen fíos de comunicación ou navegación integrados no casco sempre que estean certificados ou homologados e non afecten á condución.

Cambios para bicicletas

Os ciclistas contarán con novas garantías de seguridade e obrigas. Nas vías interurbanas, o casco segue sendo obrigatorio, pero desaparecen de forma definitiva as exencións que permitían prescindir del en subidas prolongadas, días de calor ou por razóns médicas. Nas cidades, o casco continuará sendo obrigatorio para os menores de 16 anos e tamén para quen utilice a bicicleta profesionalmente durante a súa actividade.

Durante a noite ou con visibilidade reducida fóra de poboado, os ciclistas deberán levar un elemento luminoso ou reflectante visible a 150 metros. Os profesionais que desenvolvan a súa actividade en bicicleta deberán utilizar ademais un chaleco reflectante de alta visibilidade durante a circulación.

No contorno urbano, a normativa indica que as bicicletas circularán preferentemente polo centro do carril para evitar accidentes por alcance ou aperturas de portas. Se a vía dispón de varios carrís por sentido, utilizarán o dereito, salvo para xiros ou por razóns de seguridade. Ademais, os vehículos a motor que circulen detrás dunha bicicleta no mesmo carril deberán manter unha distancia mínima de seguridade de cinco metros.

A reforma permite aos ciclistas adiantar vehículos detidos en retencións ou semáforos pola dereita ou pola esquerda para acceder ás zonas de detención avanzada. Os concellos poderán autorizar a circulación de bicicletas en ambos os sentidos en rúas dun só carril limitadas a 30 km/h. Por último, amplíanse as posibilidades de transporte: permítese levar un menor de ata 22 quilos nun asento adicional homologado e utilizar remolques para transportar persoas, carga ou animais de ata 15 quilos.

Cambios para patinetes e outros VMP

Os vehículos de mobilidade persoal son un dos colectivos que incorpora máis novidades na reforma. A nova norma fixa en 15 anos a idade mínima para conducilos e establece a obrigatoriedade de levar casco de protección homologado ou certificado, debidamente abrochado. Así mesmo, obrígase a sinalar todas as manobras de xiro utilizando os brazos e a levar un elemento luminoso ou reflectante visible a 150 metros nas circulacións nocturnas ou de baixa visibilidade.

Prohíbese a circulación de VMP por beirarrúas, autoestradas, autovías, travesías, vías interurbanas e túneles urbanos, salvo nas vías ciclistas e outros espazos expresamente contemplados pola norma e sempre que a sinalización non o prohiba.

Respecto ao alumeado, aínda que deberán levar a luz acesa de noite desde outubro de 2026, a obriga de circular co alumeado aceso durante o día non se esixirá ata o 1 de outubro de 2027. Os profesionais que traballen sobre un VMP deberán levar casco e chaleco reflectante en calquera vía.

Por outra banda, convén lembrar que a inscrición no Rexistro de Vehículos Persoais Lixeiros da DXT, a etiqueta identificativa e o seguro obrigatorio vinculado son trámites normativos que xa están en marcha e non dependen do 1 de outubro.

Cambios para peóns

A reforma reforza a protección de quen se despraza a pé en estrada e cidade. Nas vías interurbanas, os peóns que transiten pola beiravía ou a calzada de noite ou con pouca visibilidade deberán levar un elemento luminoso ou reflectante visible a 150 metros. Nos grupos organizados de peóns esíxese ademais iluminación branca ou amarela cara adiante e vermella cara atrás.

Fóra de poboado, os peóns deberán circular, como norma xeral, polo lado esquerdo para desprazarse de fronte ao tráfico que se aproxima, aínda que a norma contempla determinadas excepcións nas que deberán facelo pola dereita.

Así mesmo, prohíbese cruzar as prazas e rotondas atravesando a súa calzada, obrigando a rodealas polo perímetro salvo que exista un paso habilitado. Na cidade, blíndase a prioridade do peón, esixindo aos condutores extremar a precaución ante nenos, persoas maiores e persoas con mobilidade reducida.

Cambios dentro das cidades

O Real Decreto estrea un título específico para zonas urbanas (Título VI). A principal premisa é a consideración das beirarrúas como espazos de uso exclusivo para peóns, quedando expresamente prohibida a circulación de calquera vehículo.

Porén, as ordenanzas municipais poderán permitir que os menores de ata 12 anos circulen en bicicleta polas beirarrúas cando vaian acompañados a pé por un adulto.

Nos pasos para peóns regulados por semáforo, a luz ámbar intermitente para os vehículos non poderá coincidir, como norma xeral, coa luz verde fixa para os peóns.

Outórgase ademais recoñecemento legal aos camiños ou rutas escolares seguras, permitindo restricións de tráfico e reducións de velocidade nos contornos de colexios, hospitais e residencias.

Cambios para autocaravanas

O Regulamento regula por primeira vez a escala estatal as condicións de estacionamento das autocaravanas e outros vehículos acondicionados como vivenda (como as coñecidas 'campers'). Para ser considerado un estacionamento válido (e non acampada), o vehículo debe cumprir tres requisitos: apoiarse só sobre os seus pneumáticos (aínda que están permitidos os calzos de seguridade en pendente), non despregar elementos que sobresaian do seu perímetro (como toldos ou ventás) e non realizar verteduras de fluídos á vía pública.

Que pasa se non se cumpren as novas normas?

O incumprimento dalgunhas das novas obrigas terá tamén consecuencias para os condutores. Unha das sancións máis relevantes afecta ao adiantamento de ciclistas, unha manobra que pode supoñer a perda de ata seis puntos do permiso de conducir, ademais da correspondente sanción económica cando se incumpran as condicións establecidas.

En xeral, boa parte das novas obrigas vinculadas á seguridade viaria están tipificadas como infraccións graves, con multas que poden alcanzar os 200 euros. No caso dos usuarios de vehículos de mobilidade persoal, Novoa lembra ademais que as sancións non implican perda de puntos, xa que estes vehículos non están vinculados a un permiso de condución por puntos.

'Ás veces a xente cre que se crean as normas para castigar e é pura prevención', apunta o presidente das autoescolas de Ourense, que considera que unha maior regulación debe ir acompañada tamén de formación para quen utiliza estes vehículos.

Unha reforma que cambia a convivencia na estrada

A entrada en vigor destas medidas obrigará a todos os usuarios a adaptar hábitos cotiáns. Para Luís Novoa, o cambio debe entenderse como unha evolución necesaria. 'Ás veces a xente cre que se crean as normas para castigar e é pura prevención', apunta o presidente das autoescolas de Ourense.

Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia, enmarca a reforma nun cambio de modelo de mobilidade que, tras dúas décadas, sitúa as persoas no centro: 'Tras vinte anos, pasamos dunha visión centrada na estrada e no vehículo a outra que pon as persoas no centro, especialmente as máis vulnerables', sinala.

O delegado destaca ademais que a nova normativa incorpora por primeira vez normas específicas para as zonas urbanas e ten en conta o deseño das cidades do futuro, que define como 'máis humanas, accesibles, cómodas e sostibles'. Neste sentido, defende que os cambios buscan tamén mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, impulsar unha enerxía máis limpa e accesible, favorecer comunidades máis sostibles e avanzar na loita contra o cambio climático. 'Unha aposta por unha mobilidade deste Goberno pensada para as persoas e para o futuro', conclúe.

O novo Regulamento Xeral de Circulación debuxa, en definitiva, un escenario máis esixente para a condución cotiá, situando a prevención e a protección dos usuarios máis expostos no cumio da seguridade viaria.

0.30912494659424