As obras de remodelación do nó norte da AP-9 en Pontevedra provocarán cambios no tráfico desde o martes

Os traballos na PO-531 e na glorieta norte da ponte das Correntes obrigarán a establecer desvíos para os vehículos que saian da autoestrada e circulen pola avenida Domingo Fontán
remodelacion-ap-9-pontevedra
9 Nov 2026

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible continúa executando as obras de remodelación do enlace norte de Pontevedra da autoestrada AP-9, situado no quilómetro 129 e coñecido como nó dos Bombeiros. A partir do vindeiro martes 10 de novembro, os traballos provocarán diferentes afectacións ao tráfico na estrada autonómica PO-531 e na glorieta norte da ponte das Correntes.

Para executar as actuacións na PO-531, que conecta Pontevedra con Baión, será necesario establecer un desvío que afectará a todos os vehículos que saian da AP-9, tanto os procedentes de Santiago como os que cheguen desde Vigo. Os condutores que se dirixan a Pontevedra deberán realizar un pequeno percorrido en dirección a Vilagarcía ata chegar á primeira glorieta, onde poderán cambiar de sentido.

Pola súa banda, os vehículos que circulen pola PO-531 desde Pontevedra en dirección a Vilagarcía de Arousa deixarán de utilizar a estrutura que actualmente permite continuar ese itinerario, xa que será demolida. No seu lugar, o tráfico circulará por un carril continuo situado na cota inferior.

As obras de ampliación da glorieta norte da ponte das Correntes, na avenida Domingo Fontán, obrigarán tamén a suprimir temporalmente o funcionamento habitual da glorieta e a establecer varios desvíos.

Deste xeito, os vehículos que procedan da glorieta dos Bombeiros e que queiran continuar pola avenida Domingo Fontán deberán cruzar a ponte e realizar un cambio de sentido na glorieta da marxe oposta.

Pola contra, os condutores que circulen pola avenida Domingo Fontán desde Pasarón non poderán virar cara á ponte. Deberán continuar ata a glorieta dos Bombeiros e cambiar alí de sentido. Estes vehículos terán que ceder o paso aos que procedan da ponte e se dirixan cara á glorieta dos Bombeiros.

Os vehículos que procedan da ponte poderán circular sen restricións en ambos os sentidos da avenida Domingo Fontán. Todos os percorridos alternativos estarán debidamente sinalizados.

1.7837710380554