As plataformas contra Altri reclaman a Rueda que faga público o memorando asinado coa empresa

Ulloa Viva, a plataforma Non á mina de Touro-O Pino, a PDRA e ADEGA sospeitan que o acordo podería incluír compensacións e animan a presentar peticións masivas de acceso á información
Altri-NON-Plataforma-Ulloa-Viva-en-Santiago
5 Nov 2026

As plataformas Ulloa Viva, Non á mina de Touro-O Pino e en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), xunto co colectivo ecoloxista ADEGA, reclaman ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que faga público o contido do memorando de entendemento asinado en outubro de 2021 entre Impulsa Galicia e Altri para desenvolver o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. As entidades tamén animan a cidadanía a presentar de forma masiva solicitudes de acceso a esta información nas dependencias autonómicas.

As organizacións sospeitan que o acordo puido incluír algún tipo de compensación ou compromiso coa empresa promotora que implicase a vontade da Xunta ou o patrimonio público. Consideran especialmente relevante coñecer os seus termos tras o arquivo do expediente de autorización da fábrica e ante a posibilidade de que o proxecto se intente recuperar no futuro. Neste sentido, apuntan á modificación da Lei de Ordenación do Territorio incluída na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2027, que, segundo denuncian, permitiría esquivar a protección dos terreos previstos para a factoría e incluídos na Estratexia Galega da Infraestrutura Verde.

As entidades lembran que o propio Rueda asegurou en febreiro que coñecía o memorando, pero que tiña carácter confidencial. O presidente tamén afirmou daquela que non había ningún tipo de compensación prevista. Porén, nin a Xunta nin Impulsa Galicia, sociedade público-privada xa extinguida, facilitaron o documento, malia as peticións e críticas pola falta de transparencia. A cuestión chegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras un recurso da CIG contra a denegación de acceso á información.

Agora, as organizacións diríxense directamente a Rueda para que dea conta dos termos do acordo ou dos acordos asinados no seo de Impulsa Galicia para desenvolver o proxecto Gama ou Altri. Tamén lle piden que confirme que non existe ningunha compensación derivada da caducidade do procedemento de autorización nin ningún compromiso que levase as empresas promotoras a renunciar a posibles reclamacións de responsabilidade patrimonial contra a Xunta.

Nun segundo asunto relacionado co proxecto, ADEGA celebra que a Xunta publicase este mércores no Diario Oficial de Galicia a orde que dá cumprimento á sentenza do TSXG do 13 de febreiro de 2026 e repón no mapa da Infraestrutura Verde os terreos nos que estaba prevista a instalación da fábrica como zona de amortecemento. A publicación produciuse despois de que a entidade solicitase a execución forzosa do fallo, ao considerar que o Goberno galego non o cumprira nos seis meses anteriores.

A organización ecoloxista sostén que esta inclusión recoñece a existencia de hábitats e especies protexidas na zona que, ao seu xuízo, non foron tidos en conta na Declaración de Impacto Ambiental do proxecto. ADEGA advirte de que impugnará esa declaración se a Xunta tenta reactivar a iniciativa sen sometela a unha nova avaliación ambiental.

0.74441289901733