As saídas de vía, con 43 vítimas mortais, convertéronse na principal tipoloxía dos accidentes en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, apelou hoxe á prudencia ao volante e a seguir traballando de maneira coordinada para reducir os accidentes de tráfico e as súas consecuencias máis graves. Fíxoo durante a reunión da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria, que presidiu esta mañá na Delegación do Goberno na Coruña e na que se analizou o balance de sinistralidade de 2025. O pasado ano perderon a vida 96 persoas nas estradas interurbanas de Galicia, seis máis que en 2024, nun contexto de estancamento das cifras de sinistralidade e de incremento da circulación.
O balance de 2025 reflicte unha evolución desigual entre as provincias galegas. A Coruña rexistrou 39 persoas falecidas, unha máis que en 2024, mentres que Lugo experimentou o maior incremento, ao pasar de 16 a 26. Pola contra, Ourense reduciu as vítimas mortais de 14 a 11 e Pontevedra de 22 a 20. No conxunto de Galicia contabilizáronse 91 sinistros mortais, fronte aos 79 do ano anterior e 2.638 accidentes con vítimas, un 5% máis. Na reunión púxose de manifesto a variabilidade das cifras provinciais, especialmente na Coruña e Lugo, que rexistran importantes oscilacións entre exercicios.
Un dos datos máis relevantes é o incremento das vítimas mortais por saídas de vía, que pasaron de 24 a 43 e se converteron na principal tipoloxía de accidente mortal en Galicia. Nesta liña, abordouse tamén a importancia dos sistemas avanzados de axuda á condución que evitan que o coche abandone a estrada ou o carril por un descoido ou fatiga do condutor. Pola contra, os falecidos en colisións frontais reducíronse de 26 a 19. Ademais, 86 das 96 persoas falecidas perderon a vida en estradas convencionais e outras vías interurbanas, fronte ás dez rexistradas en autopistas e autovías.
Pedro Blanco chamou tamén a atención sobre a seguridade dos usuarios máis vulnerables, que representan 39 das 96 vítimas mortais de 2025, preto de catro de cada dez. Entre elas figuran 22 motoristas, 15 peóns, un ciclista e unha persoa usuaria de ciclomotor. O balance recolle tamén un incremento das vítimas de 65 ou máis anos, que pasan de 25 a 36. Neste contexto, na reunión lembrouse a nova normativa de circulación que entrou en vigor o pasado 1 de outubro e que incorpora unha maior consideración dos usuarios vulnerables.
A Comisión destacou igualmente a posta en marcha, o pasado mes de abril, do teléfono 018 de atención ás vítimas de sinistros de tráfico, un servizo que ofrece orientación e apoio psicolóxico, xurídico e social ás persoas afectadas e ás súas familias. O delegado animou a dar a coñecer este recurso e a facilitar o seu uso por parte de quen o necesite.
Pedro Blanco remarcou a importancia da colaboración entre todas as administracións con competencias na seguridade viaria, así como da responsabilidade individual de cada condutor. Neste sentido, incidiu en que a prevención, o cumprimento das normas e a prudencia ao volante seguen sendo fundamentais para avanzar cara a unhas estradas cada vez máis seguras.
Xunto ao balance de sinistralidade, a reunión permitiu analizar as actuacións desenvolvidas e previstas en materia de xestión do tráfico, mobilidade, vixilancia, control e infraestruturas, así como as iniciativas de seguridade viaria no ámbito urbano.
Na Comisión participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, Encarna Rodríguez; o secretario xeral da Delegación, Alberto de la Fuente; a xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez; o coronel xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia, Antonio Hidalgo; o director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste-Cantábrico, Bruno Deschamps; o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río; e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza Martínez.
Tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva; a alcaldesa de Rábade, Remedios González; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o concelleiro de Culleredo, Mario Iglesias.