As XL Xornadas Penitenciarias Lucenses abordarán os apoios ás persoas con diversidade funcional

A cita celebrarase os días 9 e 10 de novembro e analizará a aplicación práctica da Lei 8/2021 desde os ámbitos xurídico, xudicial e social
Presentacion-Jornadas-Penitenciarias-Lugo-26
4 Nov 2026

Lugo acollerá os días 9 e 10 de novembro a XL edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, que este ano estarán centradas na evolución dos apoios ás persoas con diversidade funcional e na aplicación práctica da Lei 8/2021.

As xornadas pretenden analizar como se están aplicando os cambios introducidos pola Lei 8/2021, que substituíu o modelo tradicional de incapacitación por outro baseado nos apoios para o exercicio da capacidade xurídica das persoas. Ademais, poñerán o foco na atención a persoas en situación de especial vulnerabilidade, especialmente ás vítimas de abusos sexuais ou violencia de xénero, e na figura do facilitador, que contribúe a garantir a súa comprensión e participación nos distintos ámbitos institucionais e xudiciais.

A presentación desta 40 edición celebrouse no Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia; a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Fernández; e a vicepresidenta da entidade e directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.

Candia destacou a traxectoria das xornadas, que cumpren corenta edicións e ampliaron o seu ámbito de análise desde o eido penitenciario inicial ata cuestións xurídicas, educativas e sociais. Tamén reivindicou o legado de Concepción Arenal e o seu compromiso cos dereitos, a igualdade e o traballo social.

PROGRAMA DAS XORNADAS

O programa comezará o luns 9 de novembro ás 18:00 horas coa apertura institucional, seguida da entrega de medallas e recoñecementos. Ás 18:45 horas terá lugar a ponencia inaugural, titulada 'A regulación dos apoios das persoas con discapacidade', a cargo de María Sonia Calaza López, catedrática de Dereito Procesual da UNED e decana da súa Facultade de Dereito, e María Fátima Yáñez Vivero, catedrática de Dereito Civil da UNED e directora executiva da súa Escola de Práctica Xurídica. A sesión incluirá tamén a intervención de Daniel Ansias Pantoja, estudante da UNED, que abordará 'A experiencia de vivir a discapacidade no antigo e no novo réxime'.

Despois do coloquio, ás 20:10 horas celebrarase a mesa redonda 'Aplicación práctica da Lei 8/2021: a visión dos xuristas', moderada polas dúas relatoras. Participarán Ángela Galván Gallegos, maxistrada da Audiencia Provincial de Ourense; Sandra María Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo; Carmen Alicia Calaza López, notaria da Estrada e directora da Academia Notarial de Galicia; e María Núñez Núñez, rexistradora de Lugo e vogal de Relacións Internacionais do Colexio Nacional de Rexistradores. A primeira xornada rematará ás 21:10 horas.

O martes 10 de novembro, a programación trasladará o debate ao ámbito social. Ás 18:30 horas comezará a mesa redonda 'Aplicación práctica da Lei 8/2021: a visión dos profesionais sociais', moderada por Vanesa Valiño Pérez, tesoureira da asociación ADACE Lugo. Intervirán Manuel Seoane Mera, responsable do Programa de Acceso á Xustiza de FADEMGA e facilitador procesual; María Luz Piñón Fontao, experta por experiencia e formadora en acceso á xustiza; Pilar García Puertas Taboada, presidenta da Asociación Justicia y Diversidad e avogada; Rocío Coira Fernández, xerente da Asociación Nosa Señora de Chamorro; e Zaida Medina Bueno, da Garda Civil, especialista en vítimas vulnerables e integrante da Sección de Trata de Seres Humanos da Unidade Central Operativa (UCO). A clausura está prevista para as 20:30 horas, tras un coloquio.

0.27638602256775