As Xornadas de Folclore estrean a súa 41ª edición no Teatro Principal de Ourense

Preto de 170 participantes levarán durante os próximos dez días música e danzas tradicionais a 16 localidades da provincia, con Bande e A Rúa como primeiras paradas
inauguracion-xornadas-de-folclore
11 Aug 2026

As XLI Xornadas de Folclore de Ourense deron este luns o primeiro paso da súa nova edición cunha cerimonia de benvida celebrada no Teatro Principal de Ourense. Preto de 170 participantes forman parte desta edición, na que agrupacións procedentes de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal levarán as súas músicas e danzas tradicionais a 16 localidades da provincia durante os próximos dez días.

O acto inaugural contou coa participación do vicepresidente segundo da Deputación e deputado delegado de Cultura, César Fernández, quen destacou o carácter cultural e internacional desta cita. Fernández definiu as Xornadas como “unha das grandes citas culturais do verán ourensán e unha demostración de como a cultura é capaz de tender pontes entre pobos que, malia estar separados por milleiros de quilómetros, comparten o orgullo polas súas raíces e tradicións”.

O responsable provincial de Cultura salientou tamén que durante os próximos días “Ourense convértese nun punto de encontro entre culturas de catro continentes, levando a música e a danza tradicional directamente ás nosas vilas e achegando ao público unha oportunidade excepcional para coñecer outras formas de entender e expresar a identidade dos pobos”.

Fernández puxo igualmente en valor a resposta do público ao longo das últimas edicións e sinalou que “despois de 41 edicións, falamos dun evento plenamente consolidado, querido polos ourensáns e que forma parte xa da memoria cultural e afectiva de varias xeracións”.

Neste sentido, reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense coa continuidade das Xornadas, ao considerar que “temos a responsabilidade de preservar e impulsar iniciativas que, como estas Xornadas, reivindican o valor do patrimonio cultural inmaterial e fan da nosa provincia un territorio aberto ao mundo, capaz de compartir a nosa cultura ao tempo que aprendemos e gozamos da dos demais”.

As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que participan no programa.

A representación do folclore ourensán na cerimonia inaugural correu a cargo da Escola de Danza-Castro Floxo da Deputación. O acto incluíu tamén o tradicional desfile de bandeiras, no que os representantes das diferentes agrupacións subiron ao escenario vestidos cos seus traxes tradicionais.

O programa desta edición contará coa participación de seis formacións internacionais. Desde Armenia chega Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center, con 30 membros; Ecuador estará representado por Elenco Ñukanchik, composto por 28 artistas; e México pola Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, con 31 participantes.

Tamén participará o Folk Dance Group “Tucović” de Serbia, que con 35 membros é a agrupación máis numerosa desta edición. Taiwán estará representado polo YiTzy Folk Dance Theatre, con 29 participantes, mentres que Ballet Jammu, de Senegal, contará con 16 artistas e supón a última incorporación ao programa das Xornadas.

Bande e A Rúa inauguran o percorrido pola provincia

As primeiras actuacións fóra da cidade terán lugar este martes, 11 de agosto, en Bande e A Rúa.

En primeiro lugar, a Praza da Constitución de Bande, a partir das 20.30 horas, actuarán as agrupacións procedentes de Ecuador, Serbia e Taiwán. Pola súa banda, o Parque do Aguillón de A Rúa acollerá desde as 22.30 horas as actuacións dos grupos de Armenia, México e Senegal.

Todas as actuacións das Xornadas de Folclore serán de acceso gratuíto Durante a súa estancia na provincia, os grupos participantes terán a súa sede central no Centro Residencial Docente de Ourense e no IES Universidade Laboral.

0.37170600891113