As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro reúnen en Lugo máis de 700 asistentes

O encontro inaugurou a súa vixésimo terceira edición na Facultade de Veterinaria cunha xornada centrada no benestar animal, a eficiencia produtiva e a sustentabilidade das explotacións
Xornadas técnicas Vacún de leite Lugo 26
12 Nov 2026

As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro comezaron este xoves, 12 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo con máis de 700 asistentes. A primeira xornada estivo dedicada a analizar diferentes retos da gandería leiteira, desde a saúde e o benestar dos animais ata a eficiencia produtiva, a reprodución e a sustentabilidade ambiental das explotacións.

A inauguración contou coa participación do presidente de Seragro, José María García Nieto; o decano da Facultade de Veterinaria, Fernando Muñoz Guzón, e o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto.

Este último destacou a importancia do sector para o futuro da provincia e lembrou que Lugo concentra máis de 2.100 explotacións de produción de leite, arredor do 44 % das existentes en Galicia, e produce aproximadamente o 45 % do leite da comunidade. "A provincia de Lugo terá futuro se vós tedes futuro", afirmou. Cajoto tamén defendeu a necesidade de garantir a rendibilidade das explotacións e o relevo xeracional, xa que, segundo sinalou, "non hai sustentabilidade posible se non hai viabilidade económica, nin relevo xeracional se a xente nova non ve na gandería unha oportunidade de futuro".

O programa técnico arrancou cunha intervención de Rebeca Morales Bertolo, do Servizo de Calidade do Leite de Seragro, sobre a valoración do descanso desde os criterios de benestar animal. A continuación, Javier Sáez Mateos, gandeiro e podólogo bovino, analizou as características dos pavimentos das instalacións gandeiras e a súa relación coa tracción, o confort e a saúde podal. A reprodución ocupou o seguinte relatorio, no que Mayra Elena Ortiz D'Ávila Assumpção, profesora da Universidade de São Paulo (Brasil), revisou os coñecementos actuais sobre a fertilidade dos touros.

A produción forraxeira centrou outras dúas intervencións. Álex Udina Bonet, veterinario e director técnico de Adial, abordou o impacto da conservación do silo de millo na sustentabilidade das explotacións, mentres que Francisco Morell Soler, consultor especializado en xestión de solos, fertilización, nutrición de cultivos e rega, analizou a relación entre o solo, a auga e os nutrientes no cultivo do millo en Galicia.

A sesión da tarde centrouse na eficiencia económica e produtiva e na redución do impacto ambiental. Sara Hontoria Moneo, veterinaria de vacún de leite en Calidad Pascual, falou sobre a pegada de carbono e a súa relación coa eficiencia e a rendibilidade das explotacións. Pola súa banda, Gregorio Salcedo Díaz, investigador especializado en nutrición animal e sustentabilidade, abordou a pegada de nitróxeno reactivo desde o enfoque One Health. O programa concluíu coa intervención de Adolfo Álvarez Aranguiz, investigador de Wageningen University & Research (Países Baixos), que presentou novas estratexias para avanzar na eficiencia, a rendibilidade e a redución do impacto ambiental da gandería leiteira galega. A xornada rematou co tradicional encontro gandeiro, que contou coa actuación do Mago Rafa.

SEGUNDA XORNADA

As xornadas continuarán este venres 13 de novembro, a partir das 11:00 horas, cun programa que abordará a bioseguridade nas explotacións, a agricultura rexenerativa, a produción de embrións e a mellora xenética orientada á eficiencia alimentaria.

Pola tarde compartirán as súas experiencias Lucía López Sobrado, de Gandería Puluan-Lácteos Ribeira Sacra, de Monforte de Lemos, e Pelayo Méndez Martínez, de Ganadería El Dios SC, de Asturias. A charla maxistral de Jaime Izquierdo Vallina sobre a transformación do mundo rural dará paso á clausura e ao tradicional brinde do leite, previstos para as 18:00 horas.

1.1086909770966