Asinado o convenio do transporte de residuos de SOGAMA cun importante incremento salarial e melloras nos dereitos

O novo convenio colectivo para o servizo adxudicado a Transportes Pacholo inclúe tamén reducións de xornada, melloras nas baixas por enfermidade, máis descansos e sete novas contratacións
Imaxe da planta de residuos de SOGAMA
13 Aug 2026

Tras ano e medio de negociación, a representación dos traballadores do transporte por estrada dos residuos de SOGAMA e a empresa Transportes Pacholo asinaron un novo convenio colectivo cunha vixencia que se prolongará ata 2034. O acordo establece unha evolución salarial que, no acumulado, suporá un incremento superior ao 50 % respecto dos salarios actuais, ademais de incorporar diferentes melloras nos dereitos laborais.

O convenio abrangue o período comprendido entre 2025 e 2034 e fixa unha subida do 3,5 % para 2025, do 4,5 % para 2026, do 6 % para cada un dos anos entre 2027 e 2031, do 4 % para 2032 e do 2,5 % tanto para 2033 como para 2034.

Nos dous últimos exercicios aplicarase ademais unha cláusula de revisión salarial do 1 % sobre o IPC, xunto co pagamento dos atrasos e a incorporación das diferenzas ás táboas salariais. Os atrasos correspondentes a 2025 e 2026 aboaranse na nómina de setembro.

O acordo tamén establece un complemento para as persoas que traballen en horario nocturno. Este será de 25 euros por día desde 2027, aumentará a 30 euros diarios a partir de 2029 e chegará aos 35 euros por xornada desde 2032.

No relativo á xornada laboral, os centros de traballo de Pontevedra, Ourense e Lugo aplicarán unha redución de oito horas en 2026, e outras oito en 2028, 2030, 2032 e 2034.

O persoal terá ademais un novo día de libre disposición, polo que pasará a contar con tres desde a entrada en vigor do convenio.

Tamén se incrementa a compensación, mediante tempo ou descanso equivalente, para quen teña que traballar nun día festivo. Pola súa banda, o traballo en domingos queda limitado a un máximo dun ao ano.

O convenio mellora igualmente a cobertura durante os primeiros 20 días de baixa por incapacidade temporal derivada dunha enfermidade común, que pasa ao 50 % e 70 %.

Inácio Pavón, da FGAMT-CIG, destaca esta mellora nun contexto “no que tanto a patronal como o Partido Popular están tentando recortar as coberturas e criminalizar a quen enferma”.

Outra das medidas acordadas é o incremento do cadro de persoal. Pavón sinala que existe un “compromiso empresarial do aumento dos postos de traballo, comprometéndose neste momento a sete novas contratacións e ao mantemento, como mínimo, deste volume de emprego”.

Desde a representación sindical lembran que o convenio anterior xa recollía melloras sociais en aspectos como as coberturas de incapacidade temporal, a xornada anual e os cuadrantes, as licenzas, a organización das vacacións, os días de libre disposición e asuntos propios ou a xubilación.

Con todo, Pavón sinala que estas condicións “pero que, non obstante, non se lle aplicaban a unha parte importante do cadro de persoal que se incorporou posteriormente á subrogación da anterior contrata do transporte de RSU de Sogama, en 2016”.

Aquel ano comezou un conflito laboral no servizo tras o cambio de adxudicataria. Segundo explican desde a representación dos traballadores, SOGAMA e a nova adxudicataria, a UTE formada por Copasa, Renfe e Logirail, da que depende Transportes Pacholo, intentaron deixar fóra ao persoal que xa traballaba na empresa anterior e modificar á baixa as condicións laborais.

O presidente do comité, Manuel Regueiro, resume o proceso sinalando que foron “anos de loitas e convocatorias de folga para conseguir primeiro o mantemento do 100 % dos postos de traballo, logo para recuperar as condicións económicas e conseguir un cuadrante de traballo que garantise xornada anual e descansos”.

A través destas mobilizacións tamén se conseguiu a contratación indefinida e a mellora das condicións de traballo do persoal condutor contratado despois da subrogación, un proceso que derivou nunha folga de máis de tres meses e en oito readmisións.

Posteriormente, acadáronse tamén un novo centro de traballo con vestiarios e uniformidade e un primeiro convenio que consolidaba estas condicións. Entre as medidas incluídas estaba a de non ter que baixar dos vehículos nas instalacións de SOGAMA, co obxectivo de reducir os riscos e a penosidade do traballo.

O novo convenio busca consolidar agora estas conquistas e incorporar novas melloras, cunhas condicións laborais que a representación sindical considera especialmente avanzadas dentro do sector do transporte e cun salario que, segundo sinala, superará amplamente o establecido no convenio sectorial.

Pavón e Regueiro atribúen o acordo á unidade e á forza mantidas polo conxunto do persoal durante estes dez anos, unha situación que, segundo indican, deixou á parte social “nunha posición negociadora que permitiu este enorme avance”.

0.36962890625