Asotrame recibe un Premio Galicia de Acción Voluntaria 2026 polo seu programa “Apoyo entre iguais”

Asotrame, a Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas, foi recoñecida cun dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026, concedidos pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O galardón distingue o traballo desenvolvido pola entidade mediante o programa “Apoyo entre iguais”.
Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia publicado este 14 de agosto, Asotrame recibe o premio ao mellor proxecto de acción voluntaria. Nesta categoría podían participar entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que desenvolvesen iniciativas “vinculadas a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa Comunidade Autónoma”.
O xurado tivo que valorar sete proxectos e decidiu conceder o recoñecemento a “Apoyo entre iguais”, dotado con 4.000 euros. A iniciativa está orientada a mellorar o benestar emocional e social das persoas con cancro hematolóxico mediante unha rede de acompañamento integrada por expacientes que participan como voluntarios.
O proxecto pon en contacto persoas recentemente diagnosticadas con outras que xa pasaron pola mesma enfermidade. Deste xeito, poden compartir dúbidas e emocións e contar cun acompañamento que pretende axudarlles a afrontar a súa nova situación. O programa complementa o apoio profesional que Asotrame ofrece a través do seu servizo de atención psicosocial.
“Apoyo entre iguais” conta ademais cunha modalidade en liña semanal, que permanece suspendida durante os meses de verán. O programa tamén se desenvolve presencialmente nas plantas de hematoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Hospital Clínico de Santiago e o Hospital Lucus Augusti de Lugo.
Desde o pasado mes de xuño, a iniciativa tamén está presente no Hospital Universitario de Ourense. Esta ampliación da rede de acompañamento levou a Asotrame a formar novos expacientes voluntarios para desenvolver este labor de apoio emocional.
Este é o segundo recoñecemento que Asotrame obtén nestes premios. En 2023, a asociación foi distinguida como entidade de acción voluntaria pola súa “consolidada traxectoria na área sociosanitaria e de atención psicosocial”.