Autorizado un novo convenio de 90.000 euros para a organización de la Feira Culturgal

A vindeira edición do encontro desenvolverase do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e terá unha extensión no concello de Ribeira
culturgal
26 Jul 2026

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun novo convenio coa Asociación Culturgal por importe de 90.000 euros para a organización da 19ª edición da feira de referencia para a cultura galega, que terá lugar do 27 ao 29 de novembro en Pontevedra cunha programación de distintas disciplinas artísticas, presentacións de proxectos e zona expositiva e de mercado.

A achega do Goberno galego para a celebración de Culturgal 2026 mantén a mesma cantidade que a destinada en 2025, ano en que se incrementara a dotación un 5,8 % respecto aos 85.000 euros consignados en 2024. Consolídase así a colaboración económica de xeito sostido cunha cita multidisciplinar na que a Xunta continúa a ser a principal entidade financiadora desde 2014 e á que lle vén prestando nos últimos anos unha cooperación adicional mediante a organización directa de diferentes actividades no Pazo da Cultura da cidade do Lérez, sede do encontro.

O apoio ao desenvolvemento da próxima edición de Culturgal, que dirixirá por cuarto ano consecutivo o escritor e xornalista Camilo Franco, xustifícase pola súa singularidade no panorama cultural galego e polos valores que suma como marca conxunta no seu ámbito. Durante os seus tres días de celebración, desenvolverá unha programación que recolle actuacións en directo de música e artes escénicas, presentacións de produtos culturais, proxectos e servizos, proxeccións audiovisuais, encontros entre profesionais, patrocinadores e co público asistente, obradoiros formativos e outras actividades.

Propostas ata o 31 de agosto

Culturgal 2026, que mantén aberto ata o 31 de agosto o prazo de presentación de propostas para configurar a súa programación cun especial chamamento aos novos talentos, volverá presentarse como a gran cita das industrias creativas onde se xuntan os distintos sectores da cultura galega, dándolles voz a todos os bloques temáticos: espazo para o cine, o audiovisual e as novas tecnoloxías; a música e as artes escénicas; o libro, a literatura e o mundo editorial; propostas específicas dirixidas ao público familiar e infantil; ademais de ofrecer unha zona común para a exhibición e venda de produtos e servizos culturais.

Tamén se levarán a cabo este ano distintas accións no concello de Ribeira no marco de Cultural Expandido, posto en marcha en 2023 para descentralizar as súas actividades nas semanas previas á súa celebración en Pontevedra e chegar ao público doutros puntos de Galicia. En 2026, Ribeira volve tomar o testemuño que xa recollera en 2025 e con anterioridade Arzúa (2024) e Vigo (2023).

Culturgal é o proxecto das industrias culturais que conta coa rede máis ampla de colaboradores asociativos e empresariais, xa que son as agrupacións máis representativas do sector as que se implican no seu desenvolvemento, garantindo así a súa continuidade e o asentamento dunhas liñas de traballo sólidas, ás cales se engaden moitas empresas e entidades que veñen participando asiduamente no evento tanto  nivel de patrocinios como de colaboración. Este feito converte a feira nun modelo transversal e singular, que se establece coa intención de facer da colaboración e da responsabilidade compartida un motor de futuro para a industria cultural en todas as súas manifestacións.

Integran actualmente Culturgal a Asociación Galega de Editores, a entidade xestora do dominio galego PuntoGal, Espazo Coop. Unión de Cooperativas Galegas, Eganet-Empresas galegas dedicadas a Internet e as novas tecnoloxías, Museo do Videoxogo- MUVI, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Clúster Audiovisual Galego, Videogoxo.gal e a Asociación Galega de Casas, Museos, Fundacións e Espazos
Literarios-Religa.

Así, todas estes colectivos culturais profesionais galegos, unidos nun único ente sen ánimo de lucro e co apoio da Xunta de Galicia, garanten a continuidade deste proxecto sobre a base da responsabilidade compartida entre todos os axentes participantes: gremios, empresas, provedores, patrocinadores e público.

0.35746288299561