Avanzan os traballos de renovación do firme e das beirarrúas na rúa Bispo Lourenzo de Ourense

Ourense avanza na renovación dunha das súas principais vías, a rúa Bispo Lourenzo, onde se están a executar traballos de asfaltado e de mellora da accesibilidade peonil. A actuación forma parte dun proxecto impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para renovar trece travesías urbanas de titularidade autonómica, cun investimento que supera os 2,8 millóns de euros.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a rúa acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para comprobar sobre o terreo o desenvolvemento dos traballos. Segundo explicou, a intervención sobre o firme consistiu nun fresado puntual e a súa reposición nas zonas máis deterioradas, para posteriormente estender unha nova capa de rodadura cunha mestura bituminosa en quente en toda a rúa. Unha vez rematado o asfaltado, procederase a repintar a sinalización horizontal.
Os traballos tamén incluíron melloras nas beirarrúas orientadas a reforzar a accesibilidade. Colocáronse baldosas podotáctiles nos pasos de peóns e substituíronse de xeito puntual plaquetas soltas ou rotas, así como bordos deteriorados. Ademais, construíuse unha beirarrúa completamente nova na marxe esquerda da rúa, na zona do aparcamento situada entre os edificios e o paso superior, onde tamén se recolocou e reparou a varanda existente.
Outra das actuacións foi a ampliación das beirarrúas en ambas as marxes debaixo do paso superior, así como no cruce coa rúa Mateo de Prado, co obxectivo de mellorar a visibilidade do paso de peóns; esta zona foi ademais dotada dun parterre vexetal. A isto súmase a creación dunha nova beirarrúa de formigón na marxe dereita, que discorre dende o paso superior ata a glorieta da rúa Isaac Piñeiro.
Durante a visita, o representante autonómico salientou que o conxunto de actuacións busca aumentar a seguridade e a comodidade tanto dos peóns como dos condutores, mellorando a accesibilidade de cruces e pasos de peóns mediante baldosas podotáctiles, rebaixes onde sexa necesario e a ampliación de beirarrúas como zonas de refuxio.
Pardo lembrou que este plan de mellora de infraestruturas inclúe tamén actuacións nas rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Coruña, Peña Trevinca (no seu tramo de titularidade autonómica), Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, avenida de Ponferrada e avenida de Zamora, ademais da propia rúa Bispo Lourenzo.