AVOU reclama ao Sergas explicacións polo atraso de máis de sete meses en publicar as notas das oposicións de Enfermaría

A Secretaría de Sanidade de AVOU (Avante Ourense) rexistrou un requirimento ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para reclamar explicacións sobre o prolongado atraso na publicación dos resultados das oposicións de Enfermaría, un proceso que leva paralizado máis de sete meses desde a realización dos exames.
Segundo denunciou o pasado 24 de novembro o Sindicato de Enfermaría SATSE, aínda non se fixeron públicas nin as plantillas definitivas de respostas nin as cualificacións provisionais correspondentes ás distintas categorías e especialidades de Enfermaría. Este atraso afecta a un volume moi elevado de persoas, xa que se calcula que son preto de 10.000 os aspirantes que continúan á espera de coñecer a súa situación.
Desde a organización amosouse o apoio a todas as profesionais e profesionais afectados, subliñando que detrás de cada candidatura hai meses de preparación e esforzo persoal, en moitos casos compaxinados co traballo diario nos centros sanitarios e coa atención aos pacientes. Consideran que non resulta aceptable que quen sostén o día a día da sanidade pública teña que permanecer tanto tempo sen certezas sobre o seu futuro laboral.
O secretario de Sanidade de AVOU, Diego Méndez, sinalou que "non estamos a falar simplemente dun atraso administrativo, senón de miles de persoas que levan meses agardando por unha resposta que condiciona o seu futuro profesional. Merecen respecto, información e unha Administración que estea á altura do esforzo que realizaron".
Méndez engadiu que desde AVOU queren trasladarlles ás enfermeiras e enfermeiros afectados todo o seu apoio, remarcando que non están sós nesta reivindicación. Neste sentido, insistiu en que non resulta coherente esixir compromiso e profesionalidade aos traballadores da sanidade pública e, ao mesmo tempo, manter os seus procesos selectivos bloqueados durante un período tan prolongado.
Co requirimento presentado, AVOU solicita formalmente que se expliquen os motivos do atraso, que se publiquen canto antes as plantillas definitivas e as cualificacións provisionais, e que se estableza un calendario concreto que permita coñecer cándo se resolverán definitivamente estes procesos selectivos.