Baiona entrega a Carabela de Ouro a Eduardo Vieira Montenegro pola creación da VIG-BAY no seu 25 aniversario

O Concello de Baiona fixo entrega da Carabela de Ouro a Eduardo Vieira Montenegro, distinción concedida pola Comisión de Honras e Distincións do municipio.
Desde o consistorio quíxose render homenaxe ao creador da emblemática proba deportiva VIG-BAY, que este ano celebra o seu 25 aniversario, a media maratón que une Vigo, Nigrán e Baiona ao longo da costa.
O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu un acto cargado de emoción e significado para o municipio, marcado polo recoñecemento ao labor desenvolvido durante anos por Eduardo Vieira Montenegro no ámbito deportivo.
O evento contou coa presenza do alcalde de Baiona e doutras autoridades municipais, que quixeron acompañar ao homenaxeado neste momento destacado, poñendo en valor o seu traballo á fronte dunha proba que conseguiu situar a VIG-BAY entre as competicións deportivas máis relevantes de Galicia. A entrega do distintivo simboliza o recoñecemento a unha longa traxectoria de dedicación.
O rexedor destacou o mérito deportivo e social de Vieira, que contribuíu a levar a proba á máxima categoría e a proxectar tamén a imaxe de Baiona.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, fixo entrega do galardón e iniciou a súa intervención subliñando que “hoxe con este acto facemos efectiva a entrega desta merecida distinción, sendo conscientes de que representa o sentir de moitos veciños”.
Durante o seu discurso, destacou que este recoñecemento reflicte o compromiso de Eduardo Vieira ao longo de todos estes anos coa proba e co propio municipio. Engadiu que Vieira Montenegro foi pioneiro na creación de eventos deportivos que co tempo contribuíron a consolidar o concepto de turismo deportivo e a promover hábitos de vida saudable. Tamén salientou a singularidade do percorrido da carreira, que transcorre entre a costa de Vigo e a de Baiona, e a súa evolución na participación feminina nos últimos anos.
Desde o Concello subliñouse a importancia do deporte como ferramenta de cohesión social e transmisión de valores, reforzando o seu papel na vida do municipio.
A vinculación de Eduardo Vieira Montenegro con Baiona vai máis alá do ámbito deportivo. Remóntase á figura do seu pai, Eduardo Vieira González, fundador do grupo empresarial VIEIRASA, quen en 1945 doou á Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia a imaxe da Virxe das Dores, “A Dolorosa”, que aínda hoxe procesiona cada Xoves Santo, formando parte do patrimonio da Semana Santa baionesa. Ademais, a familia Vieira ten unha longa relación laboral co municipio a través da súa empresa armadora.