Baixan un 24 % os novos casos que chegan aos órganos xudiciais de Galicia

Os órganos xudiciais de Galicia rexistraron durante o primeiro trimestre de 2026 un total de 87.272 novos casos, un 24,1 % menos que no mesmo período do ano pasado. Todas as xurisdicións experimentaron unha diminución interanual, sendo a máis significativa a da orde civil, onde os asuntos recibidos baixaron un 35,9 %.
A 31 de marzo, os Tribunais de Instancia, Audiencias Provinciais e TSXG tiñan un total de 213.188 procedementos en trámite, un 6,3 % menos que na mesma data de 2025. No período estudado, os xuíces e xuízas da comunidade autónoma resolveron 82.672 casos -296,32 de media por órgano-, un 20,7 % menos, en comparanza co ano anterior.
O informe estatístico Situación dos órganos xudiciais no primeiro trimestre de 2026, feito público hoxe polo Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, tamén revela que a taxa de litixiosidade, é dicir, o número de casos por cada mil habitantes, situouse en Galicia en 32,15, sendo a quinta comunidade cunha taxa inferior á nacional, que foi de 37,15. Por diante de Galicia na clasificación de territorios con menos asuntos por habitante están: País Vasco (28,02), A Rioxa (28,04), Estremadura (30,93) e Castela-A Mancha (30,98).
Na xurisdición civil rexistráronse 42.302 novos asuntos, un 35,9 % menos, e resolvéronse 38.652, o que supuxo un descenso do 27,6 %. En trámite quedaron ao final do período 121.021 procedementos, un 13,6 % menos que ao final do primeiro trimestre de 2025.
Na xurisdición penal presentáronse 34.632 novos asuntos, un 7,9 % menos que un ano antes; resolvéronse 33.253, un 13,1 % menos; e quedaron en trámite 57.500, un 7,1 % máis.
O ingreso de casos na xurisdición contencioso-administrativa -2.230- foi practicamente o mesmo que entre xaneiro e marzo de 2025, pois apenas diminuíu un 0,2 %. Os procedementos resoltos ascenderon a 2.310, un 12,6% menos que o ano anterior, e quedaron en trámite, 7.369, un 6,9 % máis.
Na xurisdición social contabilizáronse 8.108 novos asuntos, un 12,3 % menos que o ano anterior; finalizáronse 8.457, un 14,6 % menos; e quedaron en trámite 27.298, un 1,5 % máis.
Datos por provincias
Entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de marzo na provincia da Coruña resolvéronse 29.475 asuntos, un 23,7 % menos que nas mesmas datas de 2025, e ingresáronse 30.825, un 29,3 % menos. Pontevedra recibiu 31.528 casos, un 24,6 % menos, e finalizou 30.629 (18,8 % menos).
Na provincia de Lugo entraron 10.291 novos procedementos, un 19,2 % menos, e, na de Ourense, 8.879, un 21,3 % menos. Ademais, en Lugo resolvéronse 8.973 (un 18,6 % menos) asuntos e, en Ourense, 8.184 (23,5% menos).
A Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do ano 91.272 e 65.837 asuntos, respectivamente, e, a 31 de marzo, quedaron abertos 92.285 (un 6,1 % menos), na Coruña, e 66.864 (9,7 % menos), en Pontevedra.
Os xulgados de Lugo iniciaron o ano con 26.475 casos sen resolver e finalizaron o trimestre con 27.747. Isto supón un 4,6 % menos que na mesma data de 2025. A provincia de Ourense tiña en trámite a 1 de xaneiro 16.972 asuntos e, a 31 de marzo, 17.705, un 3,7 % menos que na mesma data do ano anterior.