Balseiro reclama ao Goberno a instalación do guiado láser no Fiouco para mellorar a seguridade na A-8

O senador lucense do Partido Popular, José Manuel Balseiro, reclamou ao Goberno de España que execute sen máis demora a instalación do sistema de guiado mediante balizamento láser no tramo da Autovía do Cantábrico (A-8) que atravesa o alto do Fiouco, entre os concellos de Abadín e Mondoñedo. A petición chega coincidindo coa intensificación dos episodios de néboa que afectan de novo a esta zona e que condicionan a circulación dos vehículos.
Balseiro lembrou que a Comisión de Transportes do Senado aprobou o pasado mes de maio, por maioría, unha iniciativa impulsada polo Grupo Popular na que se instaba ao Executivo a implantar con urxencia esta tecnoloxía, considerada polo propio Ministerio de Transportes como a solución máis eficaz para mellorar a seguridade viaria en situacións de moi baixa visibilidade. A proposta saíu adiante coa abstención do PSOE.
O senador popular sostén que a cuestión xa non responde a motivos técnicos, senón políticos, e lembra que foi o propio Ministerio o que validou esta alternativa tras un concurso de ideas promovido hai máis dunha década. Segundo indicou, resulta difícil entender que unha medida considerada a máis adecuada continúe sen executarse pese ao seu potencial para reducir riscos e evitar accidentes.
Balseiro considera especialmente preocupante que o tramo do Fiouco siga sen contar cunha infraestrutura comprometida desde hai anos, obrigando aos condutores a circular nun dos puntos máis complexos da A-8 sen a tecnoloxía que o propio Estado considera necesaria. Aínda que recoñece que as actuacións desenvolvidas ata o momento, como as balizas luminosas, os paneis de información variable ou os sistemas de desvío do tráfico, contribuíron a diminuír os peches da autovía, asegura que estas medidas continúan sendo insuficientes.
Neste sentido, defendeu que o sistema de guiado láser é a única ferramenta capaz de orientar aos condutores cando a visibilidade é practicamente nula. Ademais, lamentou que o Ministerio non ofrecese explicacións sobre os motivos do atraso nin un calendario concreto para executar unha actuación anunciada hai máis de dez anos e que conta agora co respaldo do Senado.
O senador tamén recordou que a iniciativa aprobada na Cámara Alta inclúe outras actuacións complementarias, como a ampliación das balizas antinéboa, o reforzo dos sistemas de detección e análise meteorolóxica e a adopción de novas medidas destinadas a garantir unha circulación máis segura neste tramo da Autovía do Cantábrico. Para Balseiro, cada novo episodio de néboa evidencia a necesidade de acometer estas melloras canto antes.
RESPOSTA DE CÉSAR MOGO
O senador do PSOE por Lugo, César Mogo, respondeu ás recentes declaracións do senador popular José Manuel Balseiro sobre a necesidade de implantar un sistema de guiado mediante balizamento láser no alto do Fiouco, na Autovía do Cantábrico (A-8). O representante socialista acusou aos populares de manter un discurso contraditorio e de reclamar actualmente medidas que, segundo asegura, non apoiaron cando gobernaban.
Mogo sostén que os senadores do PP por Lugo “votan en Madrid o contrario do que votaron en Santiago” e lembra que durante os gobernos de Mariano Rajoy se rexeitaron propostas relacionadas coa seguridade viaria neste tramo da autovía. Neste sentido, defende que as actuacións impulsadas polo Executivo de Pedro Sánchez permitiron reducir de forma significativa os problemas derivados da néboa e as horas de peche da infraestrutura.
O senador socialista tamén cuestionou o uso que o PP fai das iniciativas parlamentarias e lembrou que as mocións aprobadas nas cámaras lexislativas non teñen carácter vinculante para o Goberno. Segundo indicou, os populares continúan presentando propostas sobre cuestións xa debatidas co único obxectivo de obter repercusión mediática.
Ademais, Mogo criticou que José Manuel Balseiro centre a súa actividade política na situación do Fiouco mentres, ao seu xuízo, deixa en segundo plano outros asuntos que afectan á comarca da Mariña. Como exemplo, citou a situación sanitaria no concello de Cervo, onde asegura que durante o mes de agosto haberá un único médico para atender dous centros de saúde e que incluso se cancelaron citas previamente programadas no centro de San Cibrao.
Para o senador socialista, a redución da atención sanitaria en diversos concellos da comarca debería ocupar unha posición prioritaria na axenda política do PP. Por iso, considera que os populares poñen o foco en cuestións relacionadas coa néboa no Fiouco mentres ignoran problemas que afectan directamente aos servizos públicos e á veciñanza da Mariña.