Beatriz Queiró logra a prata no Mundial de Poomsae de Chuncheon e dá a Galicia a súa primeira medalla

Galicia xa conta coa súa primeira medalla no Campionato do Mundo de Poomsae de Chuncheon grazas a Beatriz Queiró (Omnihum), que se proclamou subcampioa do mundo na categoría de parellas de máis de 60 anos xunto ao catalán José Manuel Marín Fernández. A galega volveu situarse así entre as especialistas máis destacadas do mundo na súa categoría nunha competición que reúne en Corea do Sur os mellores especialistas internacionais de poomsae.
A parella galego-catalá iniciou o seu percorrido cunha vitoria fronte a Gran Bretaña e continuou avanzando tras superar a Rusia e Austria, resultados que lle permitiron acceder á final. Na loita polo título mundial, Queiró e Marín Fernández enfrontáronse a Alemaña e finalizaron coa medalla de prata.
O resultado ten ademais un valor especial para a deportista galega, xa que supón o seu segundo podio mundial consecutivo nesta categoría e xunto ao mesmo compañeiro. No Mundial de Hong Kong de 2024, Beatriz Queiró e José Manuel Marín xa lograran subir ao podio, daquela coa medalla de bronce. Dous anos despois, a parella mellorou aquel resultado e alcanzou a prata en Chuncheon.
O Mundial conta nesta edición coa participación de 34 taekwondistas galegos, que están a representar a comunidade nunha das grandes citas internacionais da tempada.
A xornada deixou tamén diferentes actuacións de representantes galegos. Na categoría sénior 1 feminina, Laura Álvarez (Neka) superou o primeiro enfrontamento ante Polonia, aínda que non puido avanzar á seguinte rolda tras perder fronte a Estados Unidos.
No trío 1 masculino, os galegos Alejandro Losada, Marco García e Carlos Rey (Neka) tamén conseguiron superar o primeiro enfrontamento, no que se impuxeron a Gran Bretaña. O equipo quedou posteriormente eliminado ante Irán nun duelo moi igualado.
Pola súa banda, no trío cadete masculino, Julián Pumar (Han´s Horang I), Brais Lombardero e Hugo Sánchez (AC Sarria) non lograron superar a primeira liguiña, na que se enfrontaron a Australia.
En freestyle, o quinteto -17 formado por Manuel Montero, Nadia Blanco, Alba Caridad, Hugo Arnoso e Adrián Vidal, todos eles do Taekwondo Sada, con Iván Pena como suplente, finalizou na sexta posición entre os equipos participantes.
Última xornada con ampla presenza galega
O Mundial de Chuncheon afronta xa a súa última xornada, na que volverá haber unha importante presenza galega. No Freestyle Quinteto +17 competirán Inés Abuín, Irea Abuín, Rubén Galdo e Pepe Soto, do AC Taekwondo Sarria, e Miguel Barreiro, do Yidam-CEIP Balaídos, con Xulia González, tamén do Yidam-CEIP Balaídos, como suplente.
Beatriz Queiró volverá ao tapiz para competir na categoría individual de menos de 65 anos, mentres que Laura Álvarez e Daniel Areán (Neka) participarán na Parella 1.
A representación galega completarase con Mateo Fernández (AC Taekwondo Sarria), no Trío Júnior Masculino, e Jessy Sun Shin (Han´s Horang I), no Trío Júnior Feminino.
Deste xeito, Galicia chega á última xornada do Mundial de Chuncheon xa no medalleiro grazas á prata de Beatriz Queiró, que supón o seu segundo podio mundial consecutivo e mantén a representación galega entre as protagonistas desta cita internacional.