Besteiro acusa a Rueda de gobernar de forma diferente "segundo os cartos e a quen votes"

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Alfonso Rueda de gobernar unha Galicia na que os dereitos dependen do lugar onde vives e da cor política do teu concello. E tamén do que tes na conta. "En Galicia o código postal non soamente nos di onde vives, senón que dereitos tes", advertiu no Parlamento.
Besteiro partiu dun dato do último informe estatal sobre reto demográfico: catro de cada dez persoas en Galicia viven en núcleos sen equipamentos públicos sanitarios nin educativos. Ningunha comunidade ten unha porcentaxe máis alta. "Iso non é igualdade, iso é unha verdadeira discriminación”.
Unha discriminación con nomes concretos. A dunha veciña da Fonsagrada, de Redondela, de Curtis ou de Verín á que lle din que ten dereito á asistencia sanitaria "pero comproba que durante moitos días do ano non ten esa asistencia médica". A dunha muller en Padrón, Moaña, Allariz ou Portomarín que non atopa o profesorado que necesita. Ou a dunha traballadora que non sabe cando vai chegar ao seu destino "porque os autobuses ou non pasan ou pasan completos".
Pero o socialista foi máis aló do mapa. "Tamén é unha discriminación, señor Rueda, negarlles recursos a aqueles concellos que non están gobernados, ou que están gobernados polo partido equivocado, segundo vostede." E puxo cifras: o 80% dos convenios directos da Xunta cos concellos, máis de 200 millóns de euros, acaba en mans do PP. "O 80%. O mellor é que é unha casualidade", ironizou.
A seguinte casualidade é o novo plan de residencias. Das 25 anunciadas, 23 van para concellos do PP, e ata o 40% das 1.800 prazas poderían quedar en mans privadas. "Todo un mapa electoral", resumiu Besteiro. "23, 25, 40 son cifras, si. Pero son cifras que nos din cal é o seu modelo de facer política. Ese modelo de que se non gobernan os meus, quedas atrás, e se non tes cartos, quedas fóra do sistema."
"Cando a casualidade beneficia sempre aos mesmos, deixa de ser unha casualidade e pasa a ser unha forma de gobernar." Por iso, para o líder do PSdeG, a conclusión é sinxela: "Os recursos públicos, señor Rueda, deben ir a todos os galegos e galegas con independencia de onde vivan e con independencia do que voten".
Nada disto é froito do azar, insistiu, porque, dixo, "o abandono non se produce por casualidade. Prodúcese por unha decisión política consciente." Como a vivenda. Hoxe hai 36.200 persoas no rexistro de demandantes de vivenda pública, un 141% máis que cando Rueda chegou á Presidencia. As 10.000 vivendas prometidas ata 2030 "xa non chegan", e mentres tanto o PP bloquea as zonas tensionadas, négase a que a vivenda pública sexa permanentemente pública e despreza propostas como un banco público de aluguer.
O abandono chega tamén a quen vive fóra. "Esa emigración que vostedes homenaxeaban, agora traizoárona. Era de primeira para saír na foto, pero agora os galegos e galegas da emigración son de segunda, porque non teñen dereito a decidir”.
Besteiro pechou a súa intervención cunha pregunta directa ao presidente: "Señor Rueda, non lle parece absolutamente inxusto que neste país a conta corrente, o código postal ou o carné político decidan que dereitos tes e cales quedan atrás?".