Besteiro acusa a Rueda de poñer en risco investimentos "por negarse a negociar por orden do PP"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que abandone o “non” permanente e sente a negociar co Goberno de España un novo modelo de financiamento que permita elevar ata os 1.000 millóns a achega destinada a Galicia.
“A proposta parte de 587 millóns, pero pódese e débese negociar para mellorala. Podemos chegar a unha franxa de entre 900 e 1.000 millóns, pero para iso ten que existir vontade política por parte da Xunta e do Partido Popular”, afirmou Besteiro durante unha visita á Illa de Arousa.
O líder dos socialistas galegos explicou que a proposta toma como referencia os datos de 2023 e realiza unha proxección ata 2027, incluíndo tamén as novas cesións de impostos formuladas polo Executivo estatal ás comunidades autónomas. Fronte ás cifras manexadas nos últimos días polo conselleiro de Facenda, Besteiro advertiu de que “hai que saber ler tamén as propostas” e reclamou seriedade nun debate decisivo para os servizos públicos de Galicia.
“Non podemos perder estes quince días do mes de xullo. Hai tempo para falar, para negociar e para defender as reivindicacións xustas que merece Galicia”, sinalou. O que non resulta aceptable, engadiu, é que o Goberno galego responda con “non quero falar, non quero discutir, non quero dialogar e non quero negociar”.
Besteiro tamén puxo o foco nas contradicións da política financeira da Xunta. Segundo lembrou, o Consello de Contas cifra en 190 millóns o superávit do Goberno galego, uns recursos que o Executivo autonómico destinou a amortizar débeda en lugar de empregalos para reforzar os servizos públicos ou acometer actuacións pendentes.
“Cando ten 190 millóns de superávit, a Xunta utilízaos para pagar débeda. Pero cando o Goberno de España ofrece condonarlle 4.010 millóns, di que non os quere. Se alguén o entende, que veña e nolo explique”, ironizou.
Durante a súa visita á A Illa, Besteiro comprobou xunto ao alcalde o estado do Paseo do Cantiño, un espazo de titularidade de Portos de Galicia no que o Concello leva anos reclamando unha actuación integral.
O secretario xeral do PSdeG denunciou a falta de mantemento, as baldosas rotas, as fochancas e o deterioro dun espazo emblemático e de uso diario por parte da veciñanza. “A Xunta nin actúa nin permite que avance un proxecto presentado polo Concello para recuperar e humanizar toda esta contorna”, reprochou.
Besteiro comprometeuse a manter esta reivindicación no Parlamento de Galicia e acusou o Goberno de Alfonso Rueda de “desatender o que é público e o que pertence a todos os veciños e veciñas”.
A mesma falta de resposta, advertiu, afecta ao CEIP Torre-Illa, o único colexio do municipio, no que estudan arredor de 300 nenos e nenas. O centro mantén unha cuberta antiga con elementos de fibrocemento e amianto e leva anos agardando por unhas obras de mellora que o Concello reclamou reiteradamente á Consellería de Educación.
Besteiro lembrou ademais o carácter emblemático dun centro que foi recoñecido polo Ministerio de Educación polo programa Enredando coa pesca. “Non se pode falar de defensa do ensino público mentres se manteñen durante anos unhas instalacións educativas sen as actuacións que precisan”, manifestou.
Finalmente, o líder socialista mostrou o seu apoio á proposta municipal de recuperar a antiga casa de Marcial Dorado cando saia a poxa para incorporala ao patrimonio do Concello e convertela nunha residencia de maiores e nun equipamento ao servizo da veciñanza.
“Sería unha recuperación cargada de simbolismo: transformar un patrimonio vinculado ao narcotráfico nun recurso público dedicado ao coidado das persoas”, afirmou. Besteiro concluíu que a Xunta debe atender estas demandas “sen discriminacións políticas e con independencia do que vote a xente en cada concello”.