Besteiro acusa a Rueda de querer ser o primeiro en facer una lei dixital "mentres o alumnado galego afunde no PISA"

Sobre Ceuta, pide ao PP que non use "a vulnerabilidade dun neno para dividir un país" e, sobre a Lei de Netos, rexeita a cautelar do Supremo porque "non hai galegos a medias"
reunion-besteiro-confapa
10 Sep 2026

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe a creación dunha comisión especial de estudo no Parlamento de Galicia sobre a educación dixital antes de que a Xunta saque adiante a súa lei. Fíxoo tras reunirse en Santiago co presidente de Confapa Galicia, Rogelio Carballo, e a súa directiva, cos que compartiu a preocupación polos resultados do informe PISA. "Primeiro investigar, despois coñecer e despois lexislar. E non ao revés que é como se está a facer", resumiu.

Os socialistas presentaron unha emenda á totalidade ao proxecto de Lei de educación dixital que a Xunta remitiu ao Parlamento. Pero Besteiro quixo deixar claro que o de fondo non é a emenda, senón o método. "A Xunta quere ser a primeira en ter unha innovación lexislativa e non fai as cousas como se deben facer", dixo. Por iso, dixo, a comisión que propón o PSdeG sería unha comisión especial non permanente de estudo sobre a educación dixital, as tecnoloxías e a incorporación da intelixencia artificial ás aulas. E o seus resultados servirían de base para redactar a lei.

Besteiro falou de tres meses, “pola urxencia do tema, refrendada polo informe PISA”, cun cronograma pechado e con comparecencias de persoas que acheguen coñecemento e experiencia: "Iso vainos permitir construír unha lexislación adecuada á realidade e, sobre todo, xa coñecedora de onde temos que actuar".

O portavoz socialista lembrou que a Xunta leva máis de dez anos implantando o modelo dixital nas aulas sen unha avaliación seria dos resultados. Pide datos coherentes sobre como se fixo esa implantación, que efectos tivo e como se corrixen os prexuízos que agora afloran co informe PISA, onde Galicia cae proporcionalmente máis que o conxunto do Estado. A resposta, engadiu, non é botar as pantallas fóra da escola. "Nun mundo onde as pantallas o dominan todo, a solución non é excluílas, senón regulalas, canalizar o seu uso e educar nese uso. Non podemos descolgarnos do avance tecnolóxico", sinalou.

Besteiro criticou a reacción do Goberno galego ao informe PISA, que viu esta semana en sede parlamentaria. "O que fixeron Rueda e o conselleiro foi buscar culpables e botar balóns fóra, cando realmente é un momento de responsabilidade, de analizar e de propoñer solucións ante unha situación realmente dramática. Hai que cambiar o método de traballo".

A reunión con Confapa serviu tamén para repasar o plan de choque que o PSdeG rexistrou no Parlamento esta mesma semana: 50 millóns de euros, o 1,6% do orzamento da Consellería de Educación, para incorporar 650 profesionais de apoio e acometer obras urxentes nos centros.

O presidente de Confapa, Rogelio Carballo, deu a benvida á proposta socialista e anunciou que a asociación apoiará e participará nos foros de debate achegando expertos. A confederación de ANPA de centros públicos presentou preto de sesenta emendas ao proxecto de lei. "A tecnoloxía non é a culpable desta situación. O problema é como se usa", dixo Carballo, que cualificou o informe PISA de "retrato de corpo enteiro" do sistema educativo e reclamou unha reflexión "moito máis profunda" que as clases de reforzo anunciadas polo conselleiro.

Besteiro sobre Ceuta e a Lei de Netos

Ceuta. Preguntado polos informes desclasificados sobre a entrada masiva en Ceuta, Besteiro dixo que non lle dá "o valor dun informe serio" a unha mensaxe de WhatsApp. "Cando un ten unha evidencia de que vai entrar esa cantidade de persoas no territorio nacional, non se traslada por WhatsApp, escálase ás últimas instancias da Administración do Estado. Hai outras canles".

O que de verdade preocupa aos socialistas, insistiu, é a situación dos menores non acompañados. Onte mesmo interpelou a Alfonso Rueda no Parlamento para que cambie de actitude: "O PP non pode utilizar a vulnerabilidade dun neno para dividir un país e sementar odio".

Besteiro comparou a acollida de máis de 700 nenos e nenas ucraínos en 2022, da que Galicia "presumiu", coas diferenzas que agora se establecen con quen chega desde Ceuta. "Non son números nin expedientes. Son menores que necesitan axuda e protección. As comunidades autónomas teñen que acollelos cun reparto xusto e cos brazos abertos".

Sobre a suspensión cautelar do voto dos nacionalizados pola Lei de Memoria Democrática, Besteiro foi rotundo: "Non concibo unha nacionalidade a medias. Non hai españois a medias nin galegos e galegas a medias". Rexeitou a decisión do Supremo por "incoherente" e reivindicou que a nacionalidade dos fillos e netos da emigración non é un privilexio nin un regalo, "senón unha reparación". Lembrou que a Lei de Memoria Democrática saíu adiante só co voto favorable dos socialistas, sen o apoio do PP nin do BNG.

E cargou contra Rueda e Feijóo: "Estiveron alimentando isto todo o verán. Non se pode ir a Arxentina ou a Uruguai a dar golpes de peito, dicir o moito que queremos o mundo da emigración, e despois darlle esta navallada trapeira apoiando a cautelar e a quen presentou o recurso, que son ámbitos da ultradereita máis extrema deste país".

0.33618211746216